O Concello inviste máis de 600.000 euros na mellora do equipamento rural de ocio e deportes

O Concello inviste máis de 600.000 euros na mellora do equipamento rural de ocio e deportes
O Concello inviste máis de 600.000 euros na mellora do equipamento rural de ocio e deportes

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial explicou que "o Goberno ten o obxectivo de mellorar as dotacións de servizos nas parroquias, porque esta é a maneira de fixar poboación no rural"

Nas próximas semanas comezarán as obras que se van executar en diferentes parroquias do rural para mellorar os seus equipamentos deportivos e de ocio. Trátase de actuacións en Figueiras, Verdía e Lavacolla, nas que se van investir 630.000 euros.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial explicou que "o Goberno ten o obxectivo de mellorar as dotacións de servizos nas parroquias, porque esta é a maneira de fixar poboación no rural". Rafael Peña explicou que "a día de hoxe, ningunha parroquia dispón de infraestruturas cubertas, nas que a veciñanza poida realizar actividades como a celebración dos magostos ou eventos deportivos".

Rafael Peña indicou que unha das actuacións máis importantes será a mellora das instalacións deportivas de Figueiras, á que se van destinar algo máis de 255.000 euros procedentes do POS+ 2018 da Deputación da Coruña. As obras, adxudicadas á empresa Mecano Obras y Reformas, teñen como obxectivo solucionar os problemas de accesibilidade e de filtracións de augas do equipamento, a través da construción dun novo muro de contención e da cubrición da pista deportiva exterior. Tamén se dotará ao espazo dunha nova pista de pádel. A actuación estará concluída nun prazo de catro meses.

Ademais, o concelleiro lembrou que onte mesmo quedaron adxudicadas as obras da cuberta da pista polideportiva de Verdía, tamén incluída no POS 2018, cun orzamento de 115.000 euros. O proxecto contempla a instalación dunha cuberta na pista polideportiva de Verdía, situada ao carón da vella estación do ferrocarril. A instalación terá unhas dimensións maiores que a propia pista, de cara a unha futura ampliación deste equipamento que na actualidade non cumpre coas dimensións regulamentarias para o desenvolvemento dunha práctica deportiva concreta. As obras teñen un prazo de execución de catro meses.

Por último, tamén está adxudicado o contrato para a execución do proxecto do edificio multiúsos en Lavacolla, orzado en 260.000 euros. Este espazo, tal e como lembrou o edil, será "compartido entre a veciñanza e o alumnado do colexio da parroquia, que o utilizará durante o horario lectivo"-

Obras de mellora da pavimentación

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial tamén deu conta do inicio, nun prazo de 15 días, das obras de ampliación e mellora da plataforma de rodadura do viario de acceso a Lamascal. Trátase dunha actuación adxudicada á empresa Nexia Infraestruturas, que suporá un investimento de algo máis de 92.000 euros.

O proxecto permitirá acondicionar e mellorar o firme actual do viario que vai dende a estrada DP-0701 ata o núcleo de Lamascal, na parroquia de San Xoán de Fecha. Rafael Peña explicou que o obxectivo é "ampliar o ancho do viario en 30 centímetros, dotándoo dun novo firme de aglomerado e de nova sinalización". O prazo de execución das obras é de dous meses.

POS + da Deputación

O concelleiro aproveitou a rolda de prensa para avanzar que nas próximas semanas iniciaráse o procedemento de licitación das actuacións que o Concello quere financiar con cargo ao POS+ da Deputación da Coruña. Rafael Peña explicou que no plan provincial incluiuse a construción da senda peonil da rúa de San Martiño, a mellora dos locais socioculturais da Grixoa e A Peregrina, a reparación e consolidación da Ponte de Vidán de Abaixo, a rexeneración do pavimento da calzada da rúa de Santa Teresa Jornet, e o parque infantil en Coto dos Olmos, na parroquia de Bando. 

Comentarios
Lo más