A USC acolle un ciclo de conferencias protagonizadas por destacadas investigadoras de arqueoloxía

A USC acolle un ciclo de conferencias protagonizadas por destacadas investigadoras de arqueoloxía
A USC acolle un ciclo de conferencias protagonizadas por destacadas investigadoras de arqueoloxía

Entre o 13 de marzo e o 3 de abril o Salón de Graos da Facultade de Bioloxía da USC acollerá catro relatorios cos que se quere divulgar as investigacións en esqueletos humanos que están a levar a cabo destacadas mulleres especialistas na materia


A prestixiosa rede de investigación Consiliencia achegará o estudo dos esqueletos humanos desde un punto de vista divulgativo para promover o recoñecemento desta ciencia e das mulleres españolas investigadoras de prestixio internacional que a exercen. Baixo este dobre obxectivo concibiuse o programa de conferencias agrupadas baixo o título común "As mulleres dos mortos", que se celebrará na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela entre o 13 de marzo e o 3 de abril.

"Os esqueletos falan" este é o principio da investigación en restos humanos. Pero só uns poucos son capaces de entender o que din. A maioría destes investigadores son mulleres que traballan para protexer e coñecer o noso patrimonio e axudar en complicados casos forenses. Nestas xornadas catro mulleres contarán a súa experiencia facendo compresible para todos, as historias escondidas nos mortos.

"Son catro relatorios en total, todos eles agrupados baixo o criterio común de dar a coñecer o traballo de investigación en esqueletos humanos nun contexto arqueolóxico e forense que están a levar a cabo destacadas investigadoras internacionais", explica unha das súas impulsoras, Olalla López-Costas, docente e investigadora da USC e experta en estudos deste tipo en Galicia. López-Costas xunto con María Loureiro, profesora e investigadora da mesma universidade, puxeron en marcha esta iniciativa. "O noso obxectivo é achegar á sociedade estes traballos arqueolóxico e forense impulsados todos eles por mulleres que están a liderar destacados avances nas súas respectivas materias".

Inmaculada Alemán, arqueóloga e antropóloga, directora do máster de antropoloxía física e forense da Universidade de Granada, experta forense para a policía española e doutros países de Europa e América será a encargada de abrir as conferencias, co relatorio "Da antropoloxía forensa ás momias exipcias", que se celebrará o 13 de marzo e na que falará tamén do seu traballo en Exipto onde colaborou os últimos anos.

"Escavando cemiterios, que nos contan os mortos", é o título do relatorio que Inmaculada López Flores, especializada en bioarqueoloxía e unha das profesionais con experiencia máis dilatada no estudo de coleccións de esqueletos arqueolóxicas, ofrecerá o 20 de marzo mentres que os esqueletos infantís serán os grandes protagonistas do terceiro relatorio, que estará a cargo de Carme Rissech, bióloga especialista no estudo de restos esqueléticos e no estudo da morfoloxía do noso esqueleto e as enfermidades no pasado. A quenda de Rissech será o 27 de marzo co título "Os esqueletos dos nenos tamén falan".

Precisamente as enfermidades que se rebelan nos ósos dos esqueletos centrarán a última dos relatorios, o 3 de abril, "Enfermos no pasado, dos ósos ao ADN" que estará a cargo Assumpció Malgosa i Morera, especialista no estudo de coleccións osteolóxicas de contextos arqueolóxicos, directora do grupo de investigación da autónoma de Barcelona, con ducias de publicacións sobre variabilidade humana e que últimamente colaborou na exhumación de fosas da Guerra Civil.

Todas as relatoras teñen un nexo en común: son investigadoras de recoñecidísimo prestixio internacional que lideran empresas e grupos de investigación e que acumulan anos de experiencia en facer que os ósos falen: desde os esqueletos infantís ao ADN, desde as momias exipcias até o traballo ao pé da escavación. A filosofía detrás destas charlas é atraer a un público xeral para que coñeza a investigación que se fai na universidade, que é propiedade de todos. Así que todos os cidadáns están convidados.

Comentarios
Lo más