Agustín Hernández pide explicacións pola decisión "unilateral" de asinar o convenio da depuradora antes das dúas eleccións

Agustín Hernández pide explicacións pola decisión "unilateral" de asinar o convenio da depuradora antes das dúas eleccións

Considera incrible que dous Gobernos “en tempo de desconto, central e local, vaian a comprometer os cartos dos santiagueses en anualidades que chegarán para o ano 2021”

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, esixiulle onte ao alcalde Martiño Noriega a celebración da Xunta de voceiros e dun Pleno extraordinario para informar aos grupos que representan á maioría dos veciños de Santiago a decisión “unilateral e irreflexiva” de asinar un convenio con Acuaes antes de dous procesos electorais, para a construción da depuradora.

Durante a rolda de prensa, o mandatario Popular indicou que hai que destacar que Martiño Noriega si convocou un Pleno para que os grupos da oposición se posicionaran sobre o anterior convenio, sen clarificar a súa intención e agora, sen embargo, agocha as súas intencións.

O Popular considera “incrible que dous gobernos en tempo de desconto, central e local, vaian a comprometer os cartos dos santiagueses en anualidades que chegarán ata o ano 2021”. Hernández destacou que “a preocupación do alcalde polo saneamento e a depuración da cidade é cero, o único que busca é unha foto que lle lave a faciana dunha lexislatura negra para o medio ambiente santiagués”.

Así mesmo, Agustín Hernández subliñou que “nunca, en Galicia se dera a situación de que o Concello tivese que adiantar os cartos para pagar a elaboración dun proxecto e estudos técnicos para unha obra de interese xeral”.

“Vén a falarnos agora de diálogo competitivo, un procedemento novidoso, que pode agochar anos de papeleos que non evitarán a tramitación medioambiental, polo que o Goberno de Compostela Aberta tería que explicar en que prazos nos movemos, cal será o custe, que cronograma temos, entre outras cousas, pero, neste momento, so hai incógnitas, polo que debería consultar coas administración implicadas, Xunta e Goberno”, agregou.

Comentarios