O Hospital Clínico conta cunha nova sala de lactancia materna

O Hospital Clínico conta cunha nova sala de lactancia materna

A Fundación Andrea encargouse da decoración e adquisición do mobiliario e tecnoloxía

O Hospital Clínico Universitario de Santiago conta xa coa súa segunda sala de lactación materna, situada no andar +2, no servizo de Obstetricia. Vense a sumar á xa existente no servizo de Neonatoloxía (andar+1) e supón un paso máis na humanización da atención materno-infantil emprendida pola xerencia de xestión integrada de Santiago. A Fundación Andrea encargouse da decoración das dúas salas así como da adquisición do mobiliario e tecnoloxía.

Nesta sala realízanse todos os días un taller práctico ás nais cos seus bebés co obxectivo de mellorar o manexo nos primeiros días de lactación e nos posteriores. Búscase principalmente apoiar ás familias con consellos prácticos e útiles para que logren unha lactación materna exclusiva e adecuada, xa que o leite materno é o alimento principal nos primeiros 6 meses de vida de forma exclusiva e acompañando a outros alimentos polo menos ata o ano de vida. Ditas salas permiten tamén extraer de forma optimizada leite humano daquelas nais que, principalmente nos primeiros días, precisan apoio para conseguir unha óptima lactación materna.

Consciente das dificultades que ás veces pode ter seguir esta recomendación, na xerencia integrada compostelá realízanse cursos semestrais acreditados para actualizar periodicamente os coñecementos dos profesionais dos Servizos de Obstetricia e de Neonatoloxía e mellorar así a atención e apoio ás familias en ambos os servizos.

Para a xerencia Sanitaria da área de Santiago a humanización da atención materno infantil é unha cuestión prioritaria e neste ámbito propiciou a creación, en 2018, da Unidade de Lactación Materna, multidisciplinar e multinivel. Nesta unidade intégrase o Banco de Leite Materno do CHUS, que foi o primeiro aberto na sanidade pública galega no 2016, e que xa beneficia tamén aos recentemente nados que o precisen de A Coruña e de Ferrol. As profesionais da ULM teñen tamén unha consulta específica, á que se acude por derivación de pediatras e matronas de atención primaria, que atendeu a máis de 307 usuarias no pasado ano.

Grazas á posta en marcha da ULM, a taxa de lactación materna no hospital Clínico de Santiago é de 75.48 % e a de LM exclusiva é de 57.20% á alta hospitalaria.

Respecto ao servizo de Neonatoloxía, nos bebés grandes prematuros a taxa de lactación materna é prácticamente do 100% e, desde a posta en marcha do Banco de Leite Materno doado, se teñen reducido os episodios de enterocolite necrotizante en grandes prematuros nun 71.3%

Desde a súa creación, o Banco de leite beneficiou a 222 bebés grazas aos máis de 1.000 litros doados por 193 doantes. O 30 % das doantes de leite materno son nais de bebés que anteriormente foron receptores.

Desde 2015 o Hospital Clínico de Santiago de Compostela conta coa fase 1D de acreditación IHAN (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e a Lactación) creada pola Unicef.

Banco de leite materno na xerencia compostelá

Posto en marcha en 2016, foi o primeiro de Galicia. Consta de toda a tecnoloxía e instalacións necesarias, con cámara de fluxo laminar, analizador de leite humano, conxeladores. O persoal que o atende realizou cursos específicos e estancias nos centros hospitalarios nacionais con máis experiencia neste ámbito para coñecer de preto o seu funcionamento.

O Banco de leite funciona como un centro especializado, responsable da promoción e apoio á lactación materna, e da recolección, procesamento, control de calidade e dispensación do leite de nai doada a calquera neno que a precise. Tanto a doazón como a dispensación son gratuítas. Este sistema permite dispoñer de leite humano en calquera momento e poder iniciar así a alimentación trófica a todos os nenos doentes ou prematuros, á espera de que as súas nais lles poidan dar o seu propio leite.

Ademais, asegúrase que tanto a extracción, procesamento e almacenamento, xa sexa da propia nai ou de nais doantes, se realice de forma segura posto que se trata dun produto biolóxico e, do mesmo xeito que ocorre coa doazón de sangue, precisa dun manexo experto que garanta a súa seguridade e a preservación das súas propiedades nutricionais e inmunolóxicas.

As doantes contan con asesoramento e o leite doado pasa por diversos controis. Unha vez aceptada, é etiquetada e almacenada a -20 graos ata a súa pasteurización, punto fundamental do procesamento, porque con el elimínanse os axentes infecciosos potencialmente transmisibles. Tras pasar este proceso, o leite conxélase, pendente da súa dispensación, durante un máximo de tres meses.

A utilización do Banco de leite está indicado principalmente por necesidades nutricionais, como a prematuridade, a síndrome de malabsorción, erros no metabolismo, nutrición postcirúrxica; terapéuticas, como diarrea intratable, déficit inmunolóxico ou transplante hepático; e preventivas, como enterocolite necrotizante, alerxia ás proteínas de leite de vaca, infeccións ou sepse.

Os beneficios do leite materno

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que o leite humano sexa o alimento de elección durante os seis primeiros meses de vida dun bebé. Ademais, a través de distintos estudos realizados nos últimos anos demostrouse que a lactación materna protexe fronte ás enfermidades infecciosas causadas por virus, bacterias e parásitos ata que o sistema inmune do acabado de nacer se desenvolve por completo, e tamén doutras enfermidades a longo prazo, como a diabetes ou Crohn, entre outras.

Por outra banda, demostrouse que é o aporte nutritivo máis completo para un recén nado, é fácil de dixerir e produce menos ganancia de peso innecesaria. Tamén hai estudos que sinalan un efecto positivo da lactación materna na evolución cognitiva do neno. E en canto aos prematuros, está cientificamente probado que alimentalos con leite materna é mellor que facelo con fórmulas derivadas do leite de vaca e asóciase con maior supervivencia. Por todo iso, a OMS indica que cando non se dispoña de leite da propia nai, o leite pasteurizada de nais doantes seleccionadas é a mellor opción para a alimentación dos nenos, sobre todo si se trata de nenos doentes ou de alto risco.

Comentarios