Licitan as obras de pavimentación en Agro do Areal e Carolo

Licitan as obras de pavimentación en Agro do Areal e Carolo

O prazo de execución das obras son dous meses

O Concello informa de que foi licitada unha nova actuación dirixida á pavimentación e instalación de rede de pluviais en Agro do Areal e Carolo, na parroquia de Palmeira.

Na actualidade, o pavimento da rúa Agro do Areal é de formigón e a súa rede de pluviais é deficitaria, mentres que o camiño de Carolo rexistra un firme de aglomerado asfáltico en mal estado, cunha rede de pluviais tamén en mal estado que provoca frecuentes atascos na calzada.

Coa fin de solucionar estas eivas, as obras que se pretenden realizar residen na pavimentación e instalación da rede de pluviais. Tocante a Agro do Areal, será pavimentado con formigón pulido no que se intercalarán franxas de adoquín de formigón, mentres que en Carolo se estenderá unha capa de aglomerado asfáltico en quente. Asemade, en ambas vías se instalará unha nova rede de pluviais, con tubaxes de PVC de 315 milímetros de diámetro.

O prezo de licitación ascende a 85.133,17 euros, IVE incluído. O prazo de execución das obras son dous meses. Os interesados dispoñen ata o 28 de marzo para presentar ofertas.

Comentarios