O xulgado de Tui acorda a posta en liberdade do pirotécnico da explosión de Paramos

Foto de arquivo
O xulgado de Tui acorda a posta en liberdade do pirotécnico da explosión de Paramos

A xuíza indica que “transcorreron case nove meses desde o acaecemento dos feitos e, polo tanto, desde que o investigado ingresou en prisión”, á vez que destaca que a instrución está “practicamente finalizada”

O Xulgado de Instrución número 1 de Tui acordou a liberdade provisional do dono da pirotecnia La Gallega e dun dos almacéns que explotou en Paramos en maio do ano pasado. A maxistrada impúxolle a obriga de comparecer na sede do xulgado os días 1 e 15 de cada mes e retiroulle o pasaporte. No auto a instrutora asegura que o mantemento da medida cautelar de prisión provisional resultaría “excesivo e desproporcionado, máxime cando non se reúnen os preceptos legais que poidan amparalo”.

A xuíza indica que “transcorreron case nove meses desde o acaecemento dos feitos e, polo tanto, desde que o investigado ingresou en prisión”, á vez que destaca que a instrución está “practicamente finalizada”. Así, especifica que para a súa conclusión resta “a valoración pericial final dos danos materiais producidos a consecuencia da explosión, a sanidade definitiva dalgúns lesionados e a realización do ofrecemento de accións a un centenar de prexudicados, puntos, todos eles, que inciden máis ben na envergadura da responsabilidade civil derivada do delito que na relevancia penal dos feitos”.

Neste momento procesual a titular do Xulgado de Instrución número 1 de Tui descarta que o investigado poida “ocultar, alterar ou destruír fontes de proba”. Así, resalta a “evidencia dos feitos acaecidos, posto que a proba de que detiña e almacenaba produtos ou material pirotécnico sen salvagardar as condicións de seguridade e sen ningún control administrativo púxose de manifesto coa explosión da nave sita en Paramos, onde tiña, presuntamente, almacenado material explosivo”.

“Non se coñecen outros establecementos clandestinos que o investigado puidese ter utilizado cos mesmos fins, de maneira que creban os preceptos que fundamentaron no seu día a adopción da medida cautelar persoal de prisión preventiva”, sinala a xuíza, quen tamén considera “inexistente” o risco de reiteración delituosa tras a demolición das instalacións da pirotecnia La Gallega.

Tras a explosión da nave de Paramos o sospeitoso quedou en liberdade provisional, pero catro días despois, ao descubrirse novos depósitos ilegais de material explosivo, o xulgado acordou o seu ingreso en prisión provisional. A xuíza asegura no auto que os feitos investigados presentan os caracteres de delito de risco catastrófico na súa modalidade de delitos de risco provocados por explosivos e outros axentes (castigado con ata tres anos de cárcere) e un delito de estragos por imprudencia grave (castigado con ata catro anos), en concurso con dous delitos de homicidio imprudente (castigados con ata catro anos) e varios delitos de lesións imprudentes (castigados con penas de privación de liberdade de ata seis meses).

A instrutora subliña que hai “indicios racionais suficientes” para sinalar ao investigado como “o único responsable da tenza e almacenaxe das substancias e a única persoa que, presuntamente, coñecía a existencia e destino do almacén e frecuentaba a dita nave.”

O auto sinala que o Ministerio Fiscal solicitou o mantemento da prisión provisional comunicada e sen fianza, unha petición á que se adheriu un dos letrados da acusación.

Comentarios
Lo más