Os xuvenís volven sorrir cun dobrete

Os xuvenís volven sorrir cun dobrete

Cadete A, Benxamín A, Prebenxamín B e Biberón manteñen os seus liderados con triunfos

Sete vitorias completaron unha boa fin de semana para as categorías inferiores da SD Compostela. A xornada deixou a volta á boa senda dos xuvenís, cun dobrete na matinal do sábado, así como os triunfos do Cadete A, Benxamín A, Prebenxamín B e Biberón para manter os seus liderados nas súas competicións.

En primeiro lugar, o Zona Vella sumou un punto na súa visita ao Vilatuxe, nun encontro no que dominou o xogo e tivo numerosas ocasións, pero esta vez a pelota non quixo entrar.

En xuvenís, o Xuvenil A volveu vencer, tras varias semanas sen fortuna, ao superar 0-1 ao Escola Estrada. Un gol de Yago Torrente, no 71, foi suficiente para que os nosos sumasen tres puntos que os afianzan na quinta praza. Pola súa banda, o Xuvenil B tamén logrou un valioso triunfo tras gañar 2-1 ao Sálvora. Esta vez, os minutos finais non foron fatídicos, xa que tralo tanto de Marcos Andrade, igualado polos visitantes, a balanza decantouse no 81 co gol de penalti de Pablo Barreiro.

Mentres tanto, o Cadete A segue coa súa xeira inmaculada. Os branquiazuis seguen sumando vitoria tras vitoria, só empataron un encontro no que vai de tempada, e achéganse un pouco máis ao ascenso. Esta vez, venceron 1-2 ao Ulla Pontecesures, nun duelo no que lles tocou remar ao contraxeito. Os locais adiantáronse no marcador no 24, pero os nosos remontaron coas dianas de Iker Carril e Anxo Ferro, este último no desconto. Por contra, o Cadete B perdeu contra o Conxo, segundo na súa liga, por 0-2. Un tanto ao comezo e outro nos últimos instantes decidiron o choque.

Tampouco tivo o seu mellor día o Infantil A, que caeu pola mínima, 1-0, contra o Arzúa. Tentárono ata o final, pero non foron capaces de igualar o gol local. E o Infantil B, igualmente, perdeu 2-0 contra o Cruces.

En fútbol 8, os equipos que marchan na cabeza seguen con paso firme. O Alevín A igualou no liderado do seu playoff, malia que cun encontro máis, despois de gañar 0-3 ao ED Santiago.

O Benxamín A segue firme de primeiro tras gañar ao La Salle, resultado que contrasta coa derrota pola mínima do Benxamín B contra o Burgo das Nacións. O Prebenxamín B tamén amplía a súa vantaxe no primeiro posto tras gañar ao ED Santiago, segundo clasificado, e o Biberón fixo o propio tras superar ao Cacheiras.

Comentarios