Agustín Hernández comprométese a derrubar a Casa do Matadoiro

Agustín Hernández comprométese a derrubar a Casa do Matadoiro

Para o voceiro Popular, “non se pode chegar ao ano 2021 con este edificio en pé, que para único que ten demostrado valer é para fomentar o feísmo e a inseguridade nunha zona que se inclúe no Casco Histórico 

O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, comprometeuse onte a facer realidade un desexo da maioría dos santiagueses, como é a apertura do parque de Belvís á cidade, o que significará o derrubo da chamada “casa da xuventude”, que “eu faría efectivo este mesmo ano, no caso, de que os santiagueses me dean o seu apoio nas vindeiras eleccións do 26 de maio”.

Hernández asegurou, en rolda de prensa, que no momento que se converta en alcalde unha das súas primeiras decisión será asinar a eliminación deste inmoble, que nos últimos tempos se converteu na “casa de ninguén”, onde xa se levan gastados 60.000 euros e onde ninguén parece saber que é o que ocorre dentro do inmoble, nin que usos ten.

Para o voceiro Popular “non se pode chegar ao ano 2021 con este edificio en pé, que para único que ten demostrado valer é para fomentar o feísmo e a inseguridade nunha zona que se inclúe no Casco Histórico e que debería contar cos coidados máis esixentes por parte do Executivo local”.

Cabe sinalar que na Xunta de Goberno de outubro de 2015, Compostela Aberta tomou a decisión de rescindir o contrato do derrube da casa da Xuventude, medida que lle custou aos santiagueses case 6.000 euros e que supuxo o inicio do que sería unha constante no mandato de Martiño Noriega, o incumprimento dos acordos plenarios.

Neste caso, a corporación o ratificara, por unanimidade, en novembro de 2011; o proxecto de demolición aprobouse na Xunta de Goberno de outubro do 2014; cun importe para a actuación de pouco máis de 165.000 euros, adxudicándose por case 119.000 euros e formalizándose o contrato o 31 de marzo de 2015.

Como apuntou Agustín Hernández, o Goberno de Compostela Aberta leva 4 anos permitindo a “usurpación e apropiación dun patrimonio público, que está a significar a degradación dun espazo dos santiagueses e o malgasto de cartos dos veciños”.

Paralelamente a esta situación, o alcalde prometía que ía a abrir o parque de Belvís, a través dunha parcela colindante, pero hai que subliñar que, a día de hoxe e como vén sendo habitual na política de Compostela Aberta “nada se fixo a ese respecto”.

Comentarios