Filosofía acolle as súas olimpíadas galegas

Filosofía acolle as súas olimpíadas galegas

A competición contempla catro modalidades de participación: disertación filosófica, dilemas morais, certame fotográfico e curtametraxes

A Facultade de Filosofía acolle hoxe xoves 14 a sexta edición da Olimpíada Filosófica de Galicia cuxo lema será ‘Realidade e aparencia no mundo actual’. Participarán máis de 100 estudantes de Bacharelato, así como de 3º e 4º curso de ESO, aos que recibirá o decano do centro Marcelino Agís Villaverde nunha sesión ás 11.00 horas. 

A competición contempla catro modalidades de participación: disertación filosófica, dilemas morais, certame fotográfico e curtametraxes. A modalidade de disertación destínase a alumnado de Bacharelato e consistirá na elaboración dunha disertación dunha extensión máxima de catro páxinas en forma dunha reflexión persoal argumentada sobre o tema da Olimpíada. 

A opción de Dilemas morais diríxese a alumnado de últimos cursos de ESO que deberán resolver un dilema moral. O obxectivo é achegar unha solución razoada e argumentada dunha extensión máxima de catro páxinas.

Polo que respecta ao certame fotográfico, aberto ao alumnado de Bacharelato e ao de ESO, as imaxes propostas deberán reflectir ideas filosóficas a través dunha composición fotográfica realizada ex profeso para a competición e que pode ou non ter sido sometida a programas de tratamento de imaxe. 

Deberá contar un lema integrado. Finalmente, a modalidade de curtametraxe diríxese a pezas dun máximo de 5 minutos de duración e autoría propia expresando en linguaxe audiovisual ideas filosóficas. A autoría pode ser individual ou colectiva (nesta última deberá nomearse un ou unha única representante). 

Comentarios