Cunqueiro e as novas voces da narración galega, protagonistas da terceira xornada do Festival Atlántica

Cunqueiro e as novas voces da narración galega, protagonistas da terceira xornada do Festival Atlántica

Iñaki Carretero e Vicente Martínez, do País Vasco, darán a charla-espectáculo ‘Cans, deporte, mocidade e cidade’ no IES Eduardo Pondal

O Festival Atlántica afronta a súa terceira xornada con tres propostas moi diferente. A primeira delas está dirixida ao público escolar e terá lugar no IES Eduardo Pondal ás 11:00 da mañá. Alí estarán Iñaki Carretero e Vicente Martínez, do País Vasco, para lle brindar ao alumnado unha sesión de ‘Cans, deporte, mocidade e cidade’. Trátase dunha charla-espectáculo de narración oral sobre como os animais de compaña poden axudar a mocidade.

Cada vez hai máis rapaces que teñen can, pero ás veces non saben como pasar o tempo con eles, así que Carretero e Martínez vanlles ofrecer un desafío: educar os cans desde o deporte na cidade e, deste xeito, educarse eles mesmos. Todo isto desde o bo entendemento entre as especies, compartindo o tempo de lecer sen violencia nin “líderes de mandas”.

Xa á tarde, ás 18:30 horas, será a quenda dunha das actividades con máis éxito das últimas edicións do Atlántica: os contos nas rúas. Desta volta, o narrador vai ser Miguel Vila Pernas, quen, baixo o título de ‘Cunqueiro en Compostela’, vai compartir cos seus acompañantes unha viaxe pola cidade que viviu e escribiu Álvaro Cunqueiro e que os levará ás tabernas e aos recunchos emblemáticos da obra do autor. Esta actividade ten un custo de 6 euros e para asistir cómpre inscribirse previamente a través do correo festivalatlantica@gmail.com.

Algo máis tarde, a partir das 21:00 horas, será o momento da ‘Noite nova’, unha oportunidade para escoitar as novas voces da narración galega nos locais da Borriquita de Belem e do Modus Vivendi. Cris de Caldas apoiará a unha nova fornada de contadores na súa noite de estrea: Lorena Pinheiro, Esteban Yáñez, Lidia Luna e Dani Blanco, todos eles integrantes do Grupo de Narración da Almáciga.

Comentarios