Brión aproba os seus orzamentos para este 2019 cun aumento do 2,98%

Brión aproba os seus orzamentos para este 2019 cun aumento do 2,98%
Brión aproba os seus orzamentos para este 2019 cun aumento do 2,98%

José Luís García destaca tamén que “os investimentos reais superarán os dous millóns de euros no exercicio de 2019, o que supón duplicar o nivel de inversións con respecto ao ano pasado”


O pleno municipal de Brión aprobou onte en sesión extraordinaria os Orzamentos Municipais para 2019, que ascenden a 6.326.110,96 euros, un 2,98% máis co exercicio anterior. Unhas contas que contaron co voto favorable dos 11 concelleiros de PSOE e PP, a abstención do BNG e o voto en contra do concelleiro non adscrito.

O alcalde de Brión, José Luís García, explicou que “se trata dun orzamento eminentemente social que, considero, merece a aprobación de todos os grupos pois segue a liña dos anteriores, non ten subidas de impostos, non contempla débeda e onde a partida que máis sube de todas é a destinada a servizos sociais: un 23%”. Neste sentido, García exemplificou que “se no exercicio anterior contamos con 15.700 horas de axuda a domicilio, neste ano contemplamos 19.800”

DUPLICAR OS INVESTIMENTOS

Así mesmo, despois do incremento de case o 23% no ano 2018, a partida destinada a investimentos reais volve medrar en 2019. Así, os orzamentos de 2019 recollen un incremento do 1,03%, ata chegar os 859.310,65 euros, unha partida á que haberá que engadir cando menos tres investimentos confirmados e non recollidos nestas contas que suporán que “os investimentos reais en Brión durante o 2019 superarán os dous millóns de euros, o que supón duplicar o nivel de inversións con respecto ao ano pasado”, especificou García.

Neste sentido, o alcalde brionés lembrou que neste orzamento aínda non están incluídas partidas como os 624.462,35 euros para a mellora do firme de seis estradas de titularidade municipal con cargo ao Remanente de Tesourería, “o maior investimento que temos feito en Brión con fondos propios e que aprobamos no pleno de novembro”. Así mesmo, as contas aprobadas hoxe tampouco recollen unha investimento de 253.000 euros en materia de renovación e mellora do alumeado público no municipio, confirmada esta mesma semana; nis os 300.000 euros do proxecto de mellora da seguridade viaria na recta de Bastavales. “Todo sumado fará que ao final do ano teñamos uns investimentos moi superiores aos do ano pasado”, indicou José Luís García.

En canto ao desglose dos investimentos reais, a partida máis significativa son os 280.400,15 euros correspondentes ao POS+ 2019. Entre os proxectos incluídos figura un investimento de 134.226,63 euros da Achega Provincial 2018 nun proxecto de obras de mellora dos camiños e dos accesos á núcleos en Sabaxáns e Osebe. Así mesmo, o Concello de Brión destinará 145.173,52 euros do Plan Complementario á mellora dos accesos ás aldeas de Mato e Busto de Frades, así como para a mellora de camiños en Ons e Vilar.

Outras partidas significativas son os 213.266 euros para a posta en marcha do proxecto colaborativo “Transformando en Brión”, “que este ano estará en funcionamento”, ou os 75.000 euros para a compra dun camión de rego asfáltico e unha niveladora para a brigada de obras municipal. A outra partida máis importante, de 92.005 euros, destinarase á adquisición da parcela sobre a que se vai construír o auditorio de Brión, a escasos metros da Carballeira de Santa Minia.

Un punto no que o alcalde brionés aproveitou para adiantarlles aos grupos municipais os datos da liquidación do orzamento de 2018. “O Remanente de Tesourería supera os 4 millóns de euros e o resultado orzamentario adianto que será positivo... roldando o 1,5 millóns de euros de superávit”

DEBATE

O Orzamento do Concello de Brión para 2019 foi aprobado co voto favorable dos 11 concelleiros de PSOE e PP, a abstención do BNG e o voto en contra do concelleiro non adscrito. O voceiro do Partido Popular, David García Arcos, defendeu o seu voto favorable xa que “é un presuposto que segue a liña dos anos anteriores, nos que recibiu o noso apoio, polo que seguindo coa coherencia tamén imos votar a favor”, lembrando que “non hai grandes variacións”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, José Luís Penas, xustificou a súa abstención na falta de tempo para analizar polo miúdo as contas. “Considero que o tempo para o seu estudo é, como mínimo, dunha semana, polo que non entendo a problemática de aprazar a sesión de hoxe a outro día”, explicou Penas Corral, quen de todos modos indicou que “os orzamentos son claves para un Concello e non imos facer política con eles”.

Finalmente, Xesús Pena, concelleiro non adscrito, coincidiu na petición de aprazamento da sesión de hoxe, criticando que os orzamentos “deberían ser elaborados por todos e recoller as propostas que se lle achegan”, criticando que as contas “van na liña cos orzamentos pasados. O Concello de Brión non foi quen de aproveitar a potencialidade que deu a expansión de Compostela”.

García agradeceu o voto a favor do PP e lembroulle ao BNG que a documentación foi entregada o xoves pasado polo que “entendo que o tempo é suficiente pois, como din, é un orzamento coñecido”. Así mesmo, afirmou que o voto en contra do concelleiro non adscrito “non é unha sorpresa pois son as palabras de todos os anos. É certo que non houbo oferta para acordar uns orzamentos, pero tampouco recibimos ningún tipo de proposta ou demanda por parte dos grupos da oposición”, lembrando o crecemento experimentado polo municipio na última década.

Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Brión ao Pacto dos Alcaldes para o clima e a enerxía, polo cal o Concello de Brión comprometerase a elaborar un Plan de Acción Para o Clima e a Enerxía Sostible no prazo de dous anos e integrar nel os aspectos relacionados coa mitigación e adaptación para loitar contra o cambio climático.

Comentarios
Lo más