Os veciños dun edificio desaloxan por precaución o inmoble tras declararse un incendio nun garaxe en Vigo

Os veciños dun edificio desaloxan por precaución o inmoble tras declararse un incendio nun garaxe en Vigo
Foto de arquivo
Os veciños dun edificio desaloxan por precaución o inmoble tras declararse un incendio nun garaxe en Vigo

Sucedeu ao redor das 05:40 horas da madrugada de hoxe

Un incendio na madrugada de hoxe nun garaxe, obrigou a desaloxar aos veciños dun edificio en Vigo. Sucedeu na Rúa Quintela, á altura do número 25.

Foron varias as persoas particulares que contactaron co 112 Galicia para informar dos feitos, ao redor das 5:40 horas da madrugada de hoxe. Segundo o relato dos alertantes, víase saír moito fume dende o patio de luces do inmoble. Un dos veciños indicou, ademais, que a presenza do fume no interior das vivendas era molesta.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, puxeron en marcha un operativo que contou coa intervención dos Bombeiros de Vigo e da Policía Local. Así mesmo, foron informados os servizos sanitarios e os voluntarios de Protección Civil da localidade, por se fose necesaria a súa colaboración.

Unha vez que as Forzas da Orde se achegaron ao local, confirmaron que os moradores foran desaloxados das súas vivendas para facilitar a labor de extinción por parte dos membros do Servizo de Prevención Extinción e Salvamento.

Tras rematar a intervención, os Bombeiros indicaron que ardeu un coche e unha moto por completo, o que provocou que os tres andares do garaxe resultasen afectados polo fume. De momento, descoñécese a orixe do incendio.

Comentarios