O xulgado dirixe a causa da operación Qatedra contra tres responsables dunha consultoría en Lalín por presunta fraude de subvencións

O xulgado dirixe a causa da operación Qatedra contra tres responsables dunha consultoría en Lalín por presunta fraude de subvencións
Foto de arquivo
O xulgado dirixe a causa da operación Qatedra contra tres responsables dunha consultoría en Lalín por presunta fraude de subvencións

A maxistrada acordou que a causa se siga contra os dous irmáns responsables dunha consultoría e a muller dun deles por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos dun delito de falsidade documental continuada en documentos oficiais e pertenza a grupo criminal

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín finalizou a investigación da coñecida como Operación Qatedra, relacionada cunha presunta fraude de subvencións destinadas a cursos de formación. A maxistrada acordou que a causa se siga contra os dous irmáns responsables dunha consultoría e a muller dun deles por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos dun delito de falsidade documental continuada en documentos oficiais e pertenza a grupo criminal. A instrutora acordou no auto notificado hoxe o sobresemento da causa respecto os outros 51 investigados.

A xuíza indica que hai indicios de que os dous irmáns “idearon un sistema para a obtención de subvencións da Administración autonómica”. Para iso, supostamente convencían a empresas para que solicitasen axudas para a formación dos seus empregados. A consultoría que dirixían os dous investigados e na que a muller dun deles participaba “de forma activa” achegaba, segundo sinala a instrutora, “toda a infraestrutura necesaria, incluída a financeira, para realizar a tramitación administrativa”.

En todos os expedientes de subvención era necesario facer constar os traballadores que participaban nas clases, así como a súa avaliación, con firma, en moitos casos, dos alumnos. “Como en ocasións non era factible cubrir a cota de traballadores partícipes no curso, os irmáns, que actuaban de común acordo, incluíron nos diversos cursos que organizaban a traballadores que non participaran nos mesmos, incluíndo todos os datos relativos aos mesmos e imitando as súas firmas en moitos casos, todo iso con pleno coñecemento de que a declaración desas falsas presenzas nos cursos tiña por obxecto formar parte do expediente administrativo de subvención e ía ser valorada pola administración á hora da concesión da mesma”.

En canto ao sobresemento, a instrutora sinala no auto que respecto a trece persoas non resultan “debidamente acreditados” os indicios de que fose perpetrado o delito debido a todos os expedientes que non están incluídos na relación de feitos. A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín tamén decretou o sobresemento por prescrición da responsabilidade criminal sobre os expedientes promovidos por un sindicato contra dúas persoas. Respecto a tres das investigadas, a maxistrada argumenta no auto que non quedou acreditado que tivesen “poder de disposición sobre os feitos obxectos de investigación” e, ademais, salienta que os feitos prescribiron en relación a elas. A xuíza, respecto a outros once sospeitosos, sinala que nalgúns casos “non foron nin profesores dos cursos” e ademais, nalgúns casos, a causa prescribira.

En relación aos vinte e dous empresarios investigados, a xuíza sostén que foi imposible determinar quen dentro desas compañías tiña o control do curso. Ademais, destaca que “na maior parte dos casos” os feitos prescribiron. Contra o auto cabe presentar recurso. En canto sexa firme, darase traslado ao Ministerio Fiscal para que no prazo de dez días solicite a apertura de xuízo oral formulando escrito de acusación, o sobresemento da causa ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias.

Comentarios
Lo más