Unha delegación do municipio danés Rosklide visitan a cidade para coñecer as políticas turísticas da cidade

Unha delegación do municipio danés Rosklide visitan a cidade para coñecer as políticas turísticas da cidade

A delegación danesa tamén tivo a oportunidade de reunirse coa responsable do Consorcio, Belén Hernández, para coñecer os seus obxectivos, principais proxectos e resultados

A concelleira de Turismo, Marta Lois, recibiu onte no Pazo de Raxoi unha delegación do Concello danés de Roskilde, composta tanto por persoal político como técnico, que escolleron Santiago como exemplo de boas prácticas en materia turística para implantar na súa cidade.

O Comité de Planeamento e Desenvolvemento do Concello de Roskilde contactou no mes de febreiro con Concello de Santiago solicitando visitar a cidade co obxectivo de coñecer de primeira man as políticas municipais que se desenvolven nas áreas turísticas e de rehabilitación, vivenda e vida urbana.

Neste sentido, a directora xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, fíxolles unha presentación técnica sobre o desenvolvemento turístico de Santiago, a sustentabilidade e a xestión do crecemento de visitantes que viviu a cidade nos últimos anos.

A delegación danesa tamén tivo a oportunidade de reunirse coa responsable do Consorcio, Belén Hernández, para coñecer os seus obxectivos, principais proxectos e resultados. Tamén tiveron a oportunidade de visitar o Casco Histórico e as principais obras de rehabilitación que se desenvolveron acompañados de persoal do consorcio.

Roskilde é unha cidade moi próxima a Copenhague. Trátase dunha cidade fundada no século X e conta coa catedral máis importante de Dinamarca, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1995, e ten tamén unha das universidades máis importantes do país.

Ademais, Roskilde considérase o porto de saída tradicional dos barcos de peregrinos procedentes de Dinamarca na Idade Media. Por este motivo, na cidade hai sinais do Camiño de Santiago e unha rúa denominada Santiago Apóstol. Dinamarca foi o décimo sexto país con maior número de peregrinos e peregrinas no 2018, con 2.500. 

Comentarios