Volven os "Cantos de Taberna"

Volven os "Cantos de Taberna"

Concha Fernández presentou en rolda de prensa este ciclo de Cantos de Taberna, acompañada polo presidente dos Muiñeiros do Sarela, Fernando Rosendo

O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Centros Cívicos, volve impulsar un ciclo de Cantos de Taberna, co obxectivo de "participar na recuperación desta tradición da cultura popular galega", en palabras da concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández. A actividade desenvolverase da man da asociación Muiñeiros do Sarela.

Concha Fernández presentou en rolda de prensa este ciclo de Cantos de Taberna, acompañada polo presidente dos Muiñeiros do Sarela, Fernando Rosendo. A concelleira lembrou que "esta será a segunda colaboración do Concello coa asociación, despois da boa acollida que tivo o programa de Cantos de Taberna que se incluíra na programación do Nadal". Tal e como indicou, o obxectivo último é "colaborar na recuperación dunha tradición que tivo o seu momento de esplendor nos anos 60, e que nos últimos anos se vén retomando en moitas cidades galegas da man de agrupacións vinculadas á música tradicional". Para Concha Fernández, "hai un repertorio musical que forma parte do patrimonio inmaterial de Galicia, e do que debe ser coñecedora o conxunto da veciñanza".

Pola súa banda, o presidente dos Muiñeiros do Sarela agradeceu "a boa acollida do Concello a esta proposta, que completa o festival de Cantos de Taberna que vimos realizando dende hai oito anos pola zona vella". Segundo Fernando Rosendo, "os locais de hostalería están moi satisfeitos con este programa, porque tamén contribúe a dinamizar a actividade económica, ao tempo que pon en valor a nosa música de raíz".

OBRADOIROS E PERCORRUDOS POLAS TABERNAS

A nova cita cos Cantos de Taberna será o venres, 15 de marzo, no barrio do Castiñeiriño. O programa arrincará cos obradoiros de cantos, que se desenvolverán a partir das 18:30 horas no antigo Colexio Ramón Cabanillas, situado ao carón da igrexa do barrio. O encargado de impartilos será Alexandre Cadarso, membro dos Muiñeiros de Sarela e autor do libro Cantigos de Taberna, que recolle máis dun cento de cantos populares e partituras.

Despois dos obradoiros, a xornada completarase co percorrido polos establecementos de hostalería do barrio, a partir das 21:00 horas. Os Cantos de Taberna poderanse escoitar no Café Lupe, no Restaurante Paz Nogueira e no Restaurante Os Biosbardos.

Despois do venres, están previstos novos obradoiros de cantos e roteiros no mes de abril na zona vella, e en maio en Conxo e no Ensanche. En xuño, o Concello colaborará na novena edición do Festival de Cantos de Taberna que organiza a asociación Muiñeiros do Sarela pola zona histórica. 

Comentarios