Paco Reyes quere coñecer as causas da dimisión da xefa de servizo de licenzas urbanísticas por "falta de medios"

Paco Reyes quere coñecer as causas da dimisión da xefa de servizo de licenzas urbanísticas por "falta de medios"

Paco Reyes asegurou que o seu grupo valora o traballo desenvolvido por Ana Prieto, "do mesmo xeito que valoramos o realizado pola anterior xefa de servizo, Berta Rosón"

Ante a noticia de que a xefa de servizo de licenzas urbanísticas, Ana Prieto, ten presentado a súa dimisión argumentado, segundo as informacións recibidas, falta de recursos para o seu departamento e falta de apoio dos responsables políticos, o voceiro socialista, Paco Reyes, anunciou que o seu grupo solicitará ao goberno local acceso ao expediente para coñecer exactamente as causas de dita dimisión.

Paco Reyes asegurou que o seu grupo valora o traballo desenvolvido por Ana Prieto, "do mesmo xeito que valoramos o realizado pola anterior xefa de servizo, Berta Rosón", ao tempo que subliñou que "estamos preocupados porque o que amosa é que un servizo tan importante e complexo como o de licenzas, dúas xefas de servizo teñen deixado o seu posto, unha delas cesada e a outra dimitindo".

O voceiro, a este respecto, asegurou que o que está a acontecer "pode explicar en boa medida a cantidade de tempo que se está a agardar para obter unha licenza na nosa cidade nun momento no que non hai unha grande actividade de construcción, promoción urbanística e rehabilitación" e, polo tanto, non se xustifica esa tardanza "máis aló, probablemente, dos motivos que alega a que ata o dagora xefa de servizo para presentar a súa dimisión".

Así as cousas, o grupo socialista solicita ao goberno de Compostela Aberta coñecer o expediente e esas motivacións, entendendo que isto é "un problema moi serio". Como exemplo, Reyes citou o do edificio do restaurante Asesino, que tardou arredor dun ano e tres meses para obter unha licenza cando se atopaba nunhas condicións mesmo de inseguridade para os peóns que transitaban pola zona.

"Neste eido hai que darlle un suspenso ao goberno de CA polo desenvolvemento nestes catro anos da tramitación das licenzas urbanísticas", dixo Paco Reyes. 

Comentarios