Unha ducia de funcións na cuarta xornada do Festival Atlántica

Unha ducia de funcións na cuarta xornada do Festival Atlántica

Pepepérez e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela brindarán dous pases para escolares da ‘Bela Dormente’

A cuarta xornada do Festival Atlántica vai programar unha ducia de actividades repartidas por todo Santiago de Compostela nunha maratón que se desenvolverá desde a mañá ata a noite. Neste día van ter un protagonismo moi especial os centros cívicos, con nada menos que oito espectáculos, e tamén as funcións escolares, entre as que salientan os pases musicados da ‘Bela Dormente’ que vai ofrecer o sevillano Pepepérez co apoio da Banda Municipal de Música da cidade na Sala Mozart do Auditorio de Galicia ás 10 e ás 12 horas.

Tamén ás 10 da mañá está previsto que Iñaki Carretero se achegue ata o IES Rosalía de Castro para dar a charla-espectáculo ‘Cans, deporte, mocidade e cidade’ sobre como os animais de compaña poden axudar a mocidade. Cada vez hai máis rapaces que teñen can, pero ás veces non saben como pasar o tempo con eles, así que Carretero vailles ofrecer un desafío: educar os cans desde o deporte na cidade e, deste xeito, educarse eles mesmos. Todo isto desde o bo entendemento entre as especies, compartindo o tempo de lecer sen violencia nin “líderes de mandas”.

Á mesma hora, pero no CEE López Navalón, vai estar Cris de Caldas e ‘Os contos do meu baúl’, un convite para entrar nun mundo máxico cheo de historias, adiviñas e versos que emocionan, sorprenden, fan rir e deixan pegada... con só abrir o baúl.

BARRIOS CHEOS DE HISTORIAS

Xa á tardiña, ás 18 horas, vai dar comezo ‘Contos no barrio’, título que engloba as contadas que se desenvolverán asemade nos centros cívicos de Santiago. Raquel Queizás estará no CC de Meixonfrío con ‘Romaría’, un espectáculo de narración oral onde as lendas tradicionais achegan o mundo rural e antigo aos rapaces, descubríndolles un modo de vida descoñecido para os máis deles.

O vasco Iñaki Carretero recuncará nesta xornada con ‘Os cans tamén contan’ no CC do Ensanche, unha sesión de contos con cans sobre aprender a convivir con eles na cidade. De xeito divertido e educativo, aprenderemos os dereitos e deberes dos cans e tamén dos donos, de como poder mantelos felices por medio do deporte e os paseos na cidade.

Pola súa banda, Yoshi Hioki vai levar os seus ‘Contos populares do Xapón’ ata o CC das Fontiñas. As tramas destas historias inclúen campesiños dos arrozais e nobres da corte imperial, animais e monstros, dragóns e bolboretas, mesturando sempre a poesía e a picaresca. O público gozará da habilidade do artista xaponés para ‘pintar’ as historias e os costumes do seu país con humor e sensibilidade.

O Centro Cívico de Vite tamén recibirá a súa dose de Festival Atlántica grazas ás ‘Animaladas’ da narradora tinerfeña Laura Escuela, unha sesión de historias tradicionais e álbums ilustrados cos animais como protagonistas que estará acompañada por instrumentos musicais.

E mentres Laura Escuela entretén os máis cativos, José Luis Gutiérrez ‘Guti’ renderalles homenaxe aos maiores, tesoureiros da tradición oral, con ‘Historias de don Guti’, tamén no Centro Cívico de Vite, ás 18 horas, nun encontro con grupos da terceira idade.

No tocante a Pepepérez, o narrador sevillano vai facer triplete ao ofrecer un pase do espectáculo ‘O coleccionista de palabras’ no Centro Cívico da Pontepedriña, a partir das 18 horas. Unha sesión de contos para público familiar con historias sobre a procedencia das palabras, algún clásico da literatura universal, algún avó, ruídos corporais e algunha que outra sorpresa máis.

Tamén cómpre mencionar que os contos volverán saír á rúa este venres, a partir das 18 horas, coa historiadora Carmela Sánchez Arines e ‘Morte en Compostela. Antigos recintos funerarios’. É ben sabido que a cidade naceu arredor dunha tumba, pero neste paseo o público vai descubrir que hai moitas máis e mais o que acontecía nelas. 

Ás 19.15 horas, no CC de Conxo, estará Ramiro Neira co seu espectáculo ‘Cun ollo aberto…’, unha peza de narración oral baseada na obra ‘Cun ollo aberto e outro sen cerrar’ de Xabier P. Docampo, un libro de relatos breves marcado pola tradición oral e os contos marabillosos.

Este intenso venres de contos espallados pola cidade vai ter o seu remate ás 21 horas no Centro Xove da Almáciga cunha sesión para público adulto que xuntará a Maricuela e a Celso F. Sanmartín. A turolense vai ofrecer a función ‘Vai por elas’, historias de mulleres sen zapatos de cristal, que cambian, que viaxan e protestan, que fan marmeladas e aman ata que a noite non dá máis de si. Porque cada muller ten unha historia e todas merecen ser contadas.

Na súa quenda, Celso F. Sanmartín vai levar á escena ‘Contar’, un feixe de contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. Chegarán cun toque contemporáneo, para probar que tamén son actuais, e mesturadas coas historias de invención propia do artista.

Comentarios