Bugallo explica ao Clube Financieiro o documento "Compostela 2020-2030"

Bugallo explica ao Clube Financieiro o documento "Compostela 2020-2030"

Sánchez Bugallo acudiu a esta cita coa que será a súa “folla de ruta”, o documento “Compostela 2020-2030” e o fará, nas súas propias palabras, cun equipo “sólido e que encaixa á perfección, por compromiso e capacidade, co proxecto de cidade que queremos desenvolver”

O candidato Sánchez Bugallo, acompañado polos integrantes da súa lista Mercedes Rosón, Sindo Guinarte e Marta Abal, explicou á directiva do Clube Financieiro as principais liñas do seu proxecto de cidade, plasmado no documento Compostela 2020-2030, que será a “folla de ruta” para cumprir unha serie de obxectivos e eixos prioritarios para garantir unha cidade “inclusiva, equilibrada socialmente e atractiva para vivir e para investir”. Sánchez Bugallo, ademais, realizou na súa intervención un percorrido polos últimos oito anos, os catro primeiros do PP e os seguintes de CA, e resumidos nunha frase: “Santiago quedou atrás”.

Fronte unha cidade que camiña sen rumbo, sen proxecto e á deriva; unha cidade que perdeu o seu relevante peso político e institucional, e que deixou de ser referencia a nivel galego, estatal e mesmo internacional en diversos eidos, existe unha alternativa dirixida a reverter esta situación. Así o asegurou onte ante os directivos e directivas do Clube Financiero o candidato Xosé A. Sánchez Bugallo, que non dubidou en asegurar que Santiago ten unha “enorme capacidade” e “moitos recursos completamente desaprovechados”.

Sánchez Bugallo acudiu a esta cita coa que será a súa “folla de ruta”, o documento “Compostela 2020-2030” e o fará, nas súas propias palabras, cun equipo “sólido e que encaixa á perfección, por compromiso e capacidade, co proxecto de cidade que queremos desenvolver”. O obxectivo é claro: acadar unha Compostela “inclusiva, equilibrada socialmente e atractiva para vivir e investir”. “Apostamos por unha cidade de oportunidades, que apoie a formación, a promoción ao emprendimento”, dixo o candidato socialista, que subliñou que non é posible acadar os obxectivos “se non hai emprego”.

E, neste eido, apostou pola posta en marcha dun órgano cunha estrutura similar ao que foi no seu día Emuvissa, que “venda Santiago fóra”, pero que ademais de captar investimentos facilite e xestione os a busca de terreos e os trámites burocráticos para a posta en marcha de empresas no noso municipio, implicando para isto á Camara de Comercio.

O turismo é outro dos eixos fundamentais deste programa que encabeza Sánchez Bugallo e que, como el mesmo adiantou onte, é necesario “darlle totalmente a volta”. Recuperar para adaptar á nova realidade da cidade o Plan Estratéxico que deixou elaborado o equipo de Bugallo en 2010 e, sobre todo, apostar por unha “marca propia e definida, con perfil propio” de Santiago son algúns dos compromisos, que pasan ademais pola diversificación do sector a través da potenciación do turismo deportivo, de congresos ou gastronómico –puxo como exemplo a recuperación do Forum Gastronómico-.

E o Xacobeo 2021 é, sen dúbida, a cita máis importantes dos vindeiros catro anos. Para iso, Bugallo anunciou a redacción do Plan Especial para o Ano Santo, que pasa por garantir que a limpeza, a seguridade, a acollida a turistas, peregrinos e visitantes, o transporte e, en definitiva, todo o necesario para os millóns de persoas que visitarán Santiago ao longo dese ano, non só se sintan cómodos na nosa cidade, senón que ademais o conten cando regresen ás súas localidades de orixe.

A calidade na prestación dos servizos públicos, tanto na súa xestión como no propio funcionamento dos mesmos, é outro eixo de traballo para o presente e futuro de Santiago no proxecto de Sánchez Bugallo e, a este respecto, citou aos asistentes a este encontro co Clube Financieiro algunhas medidas como a necesidade de cambiar todo o alumbrado e led. Esta medida é unha das que se compromete a poñer en marcha para o ano 2021, xa que “Santiago ten que ser unha cidade luminosa”. O transporte e a limpeza serán outros servizos prioritarios.

Tamén apostou o candidato socialista por acadar unha administración eficiente, baseada, segundo explicou, no desenvolmento urbano –política de rehabilitación extendida a todo o ámbito urbano, promoción do solo e regulamento dos pisos turísticos, entre outras-; na administración interna, facenda e persoal; e desenvolvemento económico, turismo, comercio, emprego e emprendemento.

Para isto, dixo Bugallo, contará cun equipo de mulleres e homes dos que, asegurou, estar moi satisfeito. “Estou moi contento do equipo que vai comigo”, asegurou o candidato, que destacou o compromiso de cada integrante da lista co proxecto e coa cidade. Estes valores son, segundo manifestou, os que valorou á hora de facer a súa candidatura, por enriba doutras cuestións, aínda que agradeceu ao Partido Socialista a confianza depositada tanto nel mesmo como en todo o equipo.

Finalmente, manifestou a súa convicción de que a Alcaldía estará entre Noriega e o propio Bugallo. Sobre isto, apuntou que as outras opcións poderán xogar un papel, pero “realmente non teñen posibilidade de ser alternativa”.


Comentarios