O Santiago Futsal buscará seguir sumando en Manzanares

Foto: Jesús Figueroa - Fílmate
O Santiago Futsal buscará seguir sumando en Manzanares

Os santiagueses terán enfronte un equipo moi duro na súa pista e que actualmente se atopa situado na cuarta praza da clasificación

O Santiago Futsal saíu hoxe venres ás 12 da mañá cara a Manzanares co obxectivo de seguir sumando de tres en tres.

Os santiagueses, que veñen de gañar ao Barça Lassa B o pasado sábado en Santa Isabel, terán enfronte un equipo moi duro na súa pista e que actualmente se atopa situado na cuarta praza da clasificación.

Os locais teñen como obxectivo volver gañar para manterse en playoff e conseguir o ascenso á primeira división da LNFS. Reciben aos seus invitados tras perder 3-5 contra o Pescados Rubén Burela na súa pista a pasada fin de semana, o que os fai máis perigosos aínda.

En declaracións previas á saída, o adestrador Santiago Valladares afirmou sobre os seus rivais que “son un rival cun bloque veterano, vai ser un partido competido”.

En relación ás armas que utilizarán os seus puntualizou que seguirán na mesma liña ata o momento con “unha boa defensa, aproveitando as ocasións que teñamos ata o último minuto”.

O equipo chegará sobre as 21 horas de hoxe, deixando a mañá do sábado para unha pequena activación e sesión de vídeo. O partido disputarase ás 18.15 no Polideportivo Municipal de Manzanares.

A volta do conxunto celeste está prevista ás 20:30, despois do partido, coa consecuente chegada a Santiago de Compostela á primeira hora do domingo.

Comentarios