Xunta e sindicatos negocian os criterios que rexerán o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo

Foto de arquivo
Xunta e sindicatos negocian os criterios que rexerán o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo

Como novidade, a Xunta propón, atendendo a petición formulada por varias organizacións sindicais, publicar a batería total de preguntas das que se seleccionarán as correspondentes a cada exame


A Xunta de Galicia presentoulle onte ás organizacións sindicais os criterios que rexerán o proceso global de funcionarización do persoal laboral fixo da Administración galega, o primeiro proceso destas características que realiza a Xunta en toda a súa historia.

Na proposta que abordou a Dirección Xeral da Función Pública cos sindicatos, establécese que a modalidade do proceso será a de concurso-oposición, e a fase de oposición consistirá na superación dun exercicio de carácter eliminatorio e obrigatorio, tipo test, cun número de preguntas que vai das 120 do grupo I ás 50 preguntas do grupo V.

Como novidade, a Dirección Xeral da Función Pública propón a publicación íntegra da batería de todas as preguntas que se utilizarán neste proceso, das que se fará a selección das que se incluirán en cada exame. Cada pregunta do cuestionario terá tres respostas alternativas, das cales unha será a correcta. Xunta e sindicatos negociarán tamén o número de preguntas e a composición dos temarios de cada convocatoria.

Ademais, a Dirección Xeral da Función Pública lembrou que é falso que se poidan utilizar apuntes na proba. O que figura na proposta remitida pola Xunta, atendendo ás demandas de varias organizacións sindicais, é que as persoas participantes poidan utilizar na proba os textos legais establecidos en cada convocatoria, como xa se fixo con anterioridade noutras probas na Administración autonómica.

En todo caso, a Xunta lembra que este non é un proceso competitivo –como sucede nunha oposición de acceso libre-, posto que non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación voluntaria en funcionarios de traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración como persoal laboral porque superaron previamente unha oposición. É dicir, o persoal laboral fixo poderá converterse en funcionario de carreira accedendo a unha categoría equivalente á que actualmente ocupa.

Proceso distinto á promoción interna

O proceso de funcionarización do persoal laboral fixo é distinto e independente dos procesos de promoción interna do persoal funcionario, que permiten o progreso profesional a través dun ascenso a unha praza dun grupo superior.

De feito, a Xunta de Galicia xa pactou cos sindicatos UGT e CC.OO. outorgar facilidades aos empregados públicos que participen nos procesos de promoción interna, tal como establece o Acordo de Concertación Social asinado no mes de xaneiro. Así, este acordo establece a posibilidade de eximir –total ou parcialmente- dalgunha das probas selectivas esixidas ao persoal de novo ingreso, reducir parte do temario e gardar notas para as seguintes probas.

Comentarios