As contadas con cans e as historias boca orella na zona vella, novidades do Festival Atlántica para hoxe sábado

As contadas con cans e as historias boca orella na zona vella, novidades do Festival Atlántica para hoxe sábado
As contadas con cans e as historias boca orella na zona vella, novidades do Festival Atlántica para hoxe sábado

Os viandantes da zona vella están convidados a escoitar contos na orella e a degustar “tapas atlánticas” nun vermú moi especial

O Festival Atlántica afronta a fin de semana cunha morea de actividades para grandes e pequechos durante todo o día. O sábado os contos van tomar as bibliotecas, museos, rúas, parques, centros cívicos e teatros de Santiago. Pero mentres isto acontece en Compostela, o festival tamén vai levar historias ata Ferrol, A Coruña, Ourense, Lalín, Teo e Brión.

No tocante a Santiago, cómpre saber que a partir das 12 horas está previsto que comece o ‘Vermú de contos’ pola zona vella. Artistas do festival tomarán as rúas dispostos a agasallar cun conto que, coma un segredo, vai pasar da boca do narrador á orella do transeúnte. Deste xeito, Atlántica dálles a benvida nesta edición aos “susurradores”, unha técnica de narración oral de proximidade que recupera o espazo de intimidade dos contos cun obxectivo: emocionar o corazón máxico das historias que todos levamos dentro.

Será preciso logo aguzar os ouvidos e a sensibilidade para esta novidosa actividade que chegará acompañada das tapas atlánticas preparadas ex profeso para a ocasión nos locais Agarimo, Nave 5, Casa Pepe, Bar Muralla, Pepe Payá, Moha, La Flor, Damajuana e Abastos 2.0 e mais do cóctel especial do pub Século IX.

Tamén a partir das 12 horas, na Biblioteca Ánxel Casal vai estar Iñaki Carretero coas ‘Historias que atopei nos libros’, unha función para o público familiar onde o narrador vasco comparte co público os achados felices das súas horas de lectura.

Pola súa banda, ás 12 horas o Museo do Pobo Galego vai acoller unha das citas inclusivas por excelencia do Atlántica: os contos en galego e lingua de signos. A responsable desta actividade vai ser Fátima Villamel con ‘Chove!’ e trátase dunha sesión para os máis miúdos acompañados das súas familias. Igual ca nun día de choiva, o público vaise asomar á xanela a ollar como caen as historias e a escoitar o seu ritmo, porque ‘Chove!’ é unha sesión para mirar e para escoitar na que a oralidade e a lingua de signos van da man, coma os tronos e os lóstregos nas treboadas.

Xa pola tarde, ás 17 horas, o festival vai estrear outra novidade: as contadas con cans. O mellor amigo do home e mais os seus donos están convidados a se achegaren ao parque Eugenio Granell onde o narrador Iñaki Carretero e o adestrador canino Vicente Martínez van demostrar que ‘En Compostela, os cans tamén contan’. Por medio dunha charla-espectáculo van aprender, dun xeito divertido e educativo, os dereitos e deberes dos cans e tamén dos seus donos, de como poder mantelos felices por medio do deporte e os paseos. O formato da actividade será moi interactivo, mesturando a narración coa exhibición canina.

Un pouco máis tarde, ás 18 horas, os máis pequechos teñen unha cita cos ‘Bebecontos’ de Laura Escuela no Centro Cívico de Santa Marta. Trátase dun espectáculo dirixido a nenos entre 1 e 3 anos que inclúe contos, poemas e cancións acompañadas de instrumentos musicais (ukelele, campás e instrumentos de pequena percusión), obxectos e libros. A actividade é gratuíta previa retirada de invitación no propio centro.

Á mesma hora pero no Teatro Principal van estar Pepepérez e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela brindando un pase musicado do clásico ‘A Bela Dormente’. Algo despois, ás 21 horas, as portas do Teatro Principal volverán abrir para un dos espectáculos máis agardados en cada edición do Atlántica: a Gala de Clausura. As entradas, cun custo de 10 euros, pódense mercar na web de Abanca e na billetería do teatro.

Desta volta, van subir ao escenario Pep Bruno con ‘Vellos contos de novo’ e José Luis ‘Guti’ con ‘Contos das mulleres do oeste’. No tocante a Bruno, este espectáculo é a celebración dos seus 25 anos como narrador e nel danse cita as historias de picaresca, tradición, humor e erotismo… O artista xunta con pericia contos procedentes da tradición pero tamén de coleccións clásicas como O Decamerón, O asno de ouro, as fabliaux ou as fábulas de Esopo e Samaniego.

Pola súa banda, neste espectáculo de ‘Guti’ o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, a vida das cociñas, os traballos do campo, as historias de vida de cada informante, de cada vella que entra e sae do escenario da man deste zamorano. Funciona como un exercicio de agradecemento a quen lle regalou o testemuño dun mundo oral, e aspira a ser, para quen escoita, unha volta ao tempo feliz no que a palabra do vello era necesaria.

Narradores para todos

Iñaki Carretero é contador de historias desde o ano 98 e percorre a xeografía cos seus contos, libros e cans. Ten unha enorme experiencia en descubrir historias e capta a atención do seu auditorio coma poucos. Curiosamente, é disléxico, cústalle ler e ás veces mestura as palabras ao falar, pero esa visión tan particular do mundo oral e escrito é o que lle gusta e o que lle funciona. É o que fai escoitar a quen lle custa escoitar, e ler a quen lle custa ler.

As historias da galega Fátima Villamel comezaron a rebulir durante a súa estancia en Lanzarote, onde desenvolveu unha intensa actividade artística, sobre todo no eido do clown. Xa de volta a Galicia, afondou na narración oral no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo e tamén da man de diversos mestres. Os contos destinados ao público infantil son a súa especialidade.

Vicente Martínez é educador canino cunha experiencia de dez anos. Vicente explícalle ao público que non é o mesmo educador ca adestrador. A educación está dirixida a lograr que un can obedeza as ordes básicas do seu guía ou propietario, pero implica moito máis ca a mera obediencia: tamén ten que ver con saber como lle ensinar ao can a xestionar as súas emocións ante situacións diversas. Procúrase un equilibrio entre as necesidades de cans e humanos para asegurar o benestar duns e doutros. Cando falamos de educación canina, falamos de respecto, amor e comprensión mutua.

Laura Escuela (Tenerife) é mestra en Educación Infantil, licenciada en Psicopedagoxía e conta, ademais, cun Mestrado en Promoción e Animación Lectoras. Traballa desde hai máis de dez anos arredor do mundo da literatura infantil, a música e a discapacidade. Dedícase á narración oral desde o 2008 e cómpre salientar que nos últimos anos ten levado a cabo proxectos pioneiros de sesións de bebecontos en bibliotecas de Canarias.

Pepepérez comezou a súa andaina profesional no ano 1987 e é quen de contar con calquera en calquera sitio de España ou do estranxeiro. Alén diso, tamén imparte cursos de narración e de animación á lectura en centros de profesores, en universidades, festivais de narración e escolas de verán. No 2012 creou o selo editorial Pepepérez, no que publicou o seu libro de contos ‘Un corazón que no cojea’ e os poemarios ‘La noche multiplicada’ e ‘Vuelo con raíces’ de María Ruiz Faro, ‘Las cosas quebradas’ de Carmen Herrera Castro e ‘Que tengan ustedes un buen día’, tamén de autoría propia. É membro fundador do Gremio da Narración Oral en Andalucía.

A Banda Municipal de Santiago de Compostela é unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848. Nun principio tiña carácter afeccionado, ata que en 1876 o Concello decidiu facerse cargo dela e comezou a se profesionalizar. Na actualidade conta con 37 compoñentes e desenvolve unha intensa actividade de concertos ao longo de todo o ano. O seu director é o pontevedrés Casiano Mouriño Maquieira.

Pep Bruno (www.pepbruno.com), barcelonés afincado en Guadalaxara, é licenciado en Filoloxía Hispánica, Teoría da Literatura Comparada e diplomado en Traballo Social. Comezou a contar contos en 1994 e desde aquela xa percorreu numerosos festivais de todo o mundo compartindo historias para nenos e adultos. Compaxina a súa actividade como narrador coa súa faceta de blogueiro e coa impartición de cursos, conferencias e obradoiros literarios e de creación. Tamén organiza actividades de animación á lectura, escribe artigos de reflexión en revistas especializadas e colabora decote cos medios de comunicación. No ano 2010, coa obra ‘La familia C’, ganou o III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado outorgado pola Editorial Kalandraka en colaboración co Concello de Santiago. Os seus libros están traducidos a máis de dez linguas.

José Luis Gutiérrez ‘Guti’ é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Todos os contos e romances que usa recolleunos directamente de narradores tradicionais, na súa maior parte de anciáns do mundo rural cos que compartiu moitos bos intres. Procura conservar o carácter dialectal de cada narración e mais a atmosfera que envolvía o narrador tradicional, carente de artificios nun mundo sen tele nin radio. ‘Guti’ traballa principalmente na contorna rural procurando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.

Comentarios
Lo más