Galicia disputa hoxe un torneo internacional de fútbol gaélico en Madrid

Foto de arquivo: Estrela Vermelha
Galicia disputa hoxe un torneo internacional de fútbol gaélico en Madrid

Organizado polos Madrid Harps, trátase dun campionato amistoso pero cun gran nivel competitivo no que participan clubs formados por xogadores e xogadoras moi experimentados no gaélico

As Seleccións Galegas de fútbol Gaélico regresan esta fin de semana á competición. Os combinados masculino e feminino desprázanse a Madrid para participar durante a xornada de hoxe nun prestixioso torneo internacional que cada ano por estas datas organiza o club de fútbol gaélico da capital do Estado, Madrid Harps GAA. Trátase dun torneo de carácter amistoso pero cun gran nivel competitivo posto que nel xogan en cada edición clubs chegados dende diferentes puntos de Europa formados por xogadoras e xogadores moi experimentados, moitos deles irlandeses e con moitos anos de fútbol gaélico ás costas.

Foi, precisamente, a elevada e contrastada calidade dos equipos que participan na copa dos “Harps” o que motivou aos preparadores galegos a inscribirse, porque o obxectivo principal das nosas Seleccións en Madrid non é outro que o de coller minutos, experiencia e bagaxe competitiva no camiño preparatorio dos GAA World Games, que se celebran na localidade irlandesa de Waterford do 28 de xullo ao 1 de agosto e nos que Galicia aspira a realizar un bo papel.

En total competirán no torneo -que se celebrará no campo de rugby de Hortaleza- 10 equipos incluíndo as Seleccións Galegas. No apartado feminino Galicia está encadrada nun grupo único de 4 escadras xunto con Shamrocks (Madrid), Leprechauns (Madrid) e St. Judes GAA, procedentes de Bournemouth (Inglaterra). Tras unha fase de liguiña que enfrontará a todos os equipos concorrentes, os dous primeiros clasificados xogarán a final pola copa. A modalidade de xogo será de 9 vs 9 xogadoras tal e como se fai nos mundiais. Galicia xogará ás 11.30 contra Shamrocks, ás 13.00 contra Leprachauns e ás 14.30 contra St. Judes. A final disputarase ás 16.00 e cada partido terá media hora de duración.

No eido masculino participan 6 conxuntos divididos en 2 grupos de 3 equipos. Neste caso, levarase a cabo unha fase previa que clasificará aos dous primeiros de cada cadro a unhas semifinais, pasando os vencedores á final. A Selección Galega quedou enmarcada no grupo B xunto con Madrid Harps GAA B e Wandsworth, club procedente de Londres. No grupo A están Madrid Harps GAA A, Zurich e St Judes. No caso masculino a modalidade de xogo será de 11 vs 11 xogadores. Galicia xogará o primeiro partido contra Harps B ás 12.30 e o segundo contra Wandsworth ás 15.30. As semifinais, no caso de clasificarse, terán lugar a partir das 16.30 e a final está programada para as 18.00.

As Seleccións Galegas parten esta mesma tarde cara Madrid nun bus fletado pola Federación Galega de Fútbol a quen a Asociación Galega de Fútbol Gaélico lle agradece a súa colaboración.

Comentarios
Lo más