Cans e contos despiden a sétima edición do Festival Atlántica en Santiago

Cans e contos despiden a sétima edición do Festival  Atlántica en Santiago
Cans e contos despiden a sétima edición do Festival Atlántica en Santiago

A actividade, para o público familiar, será hoxe no parque Eugenio Granell ás 11 horas e está aberta aos cans

Tras un maratón de actividades que comezou o 12 de marzo e encheu de contos todos os recunchos de Santiago, a sétima edición do Festival Atlántica despídese da cidade cunha función ao aire libre, ‘En Compostela, os cans tamén contan’, dos vascos Iñaki Carretero e Vicente Martínez.

Todos os públicos, con e sen can, están convidados ao parque Eugenio Granell hoxe ás 11 da mañá para aprenderen, dun xeito divertido e educativo, os dereitos e deberes dos cans e tamén dos seus donos, de como poder mantelos felices por medio do deporte e os paseos. O formato da actividade será moi interactivo, mesturando a narración coa exhibición canina.

As cadelas Hiru e Mirka van ser as responsables de axudar as persoas participantes a aprender a se comunicaren cos seus cans, a gozar con eles e a mellorar a convivencia.

Ademais, esta actividade desenvólvese tamén pensando nos rapaces que teñen can pero ás veces non saben como pasar o tempo con eles. Carretero e Martínez vanlles ofrecer un desafío: educar os cans desde o deporte na cidade e, deste xeito, educarse eles mesmos. Todo isto desde o bo entendemento entre as especies, compartindo o tempo de lecer sen violencia nin “líderes de mandas”.

Con esta actividade o Festival Atlántica despídese de Santiago ata o vindeiro ano e toma uns días de descanso antes de recalar en Lugo o mércores, 20 de marzo, onde vai desenvolver un intenso programa de actividades ata o día 22.

Mesturando contos e cans

Iñaki Carretero é contador de historias desde o ano 98 e percorre a xeografía cos seus contos, libros e cans. Ten unha enorme experiencia en descubrir historias e capta a atención do seu auditorio coma poucos. Curiosamente, é disléxico, cústalle ler e ás veces mestura as palabras ao falar, pero esa visión tan particular do mundo oral e escrito é o que lle gusta e o que lle funciona. É o que fai escoitar a quen lle custa escoitar, e ler a quen lle custa ler.

Vicente Martínez é educador canino cunha experiencia de dez anos. Vicente explícalle ao público que non é o mesmo educador ca adestrador. A educación está dirixida a lograr que un can obedeza as ordes básicas do seu guía ou propietario, pero implica moito máis ca a mera obediencia: tamén ten que ver con saber como lle ensinar ao can a xestionar as súas emocións ante situacións diversas. Procúrase un equilibrio entre as necesidades de cans e humanos para asegurar o benestar duns e doutros. Cando falamos de educación canina, falamos de respecto, amor e comprensión mutua.

Comentarios
Lo más