A Xunta asina o contrato para executar as obras da pasarela peonil da estación intermodal de Santiago

A Xunta asina o contrato para executar as obras da pasarela peonil da estación intermodal de Santiago
A Xunta asina o contrato para executar as obras da pasarela peonil da estación intermodal de Santiago

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar nas vindeiras semanas os traballos desta infraestrutura, cofinanciada pola Xunta, Adif e Concello

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de asinar esta semana o contrato para executar as obras da pasarela peonil da estación intermodal, cun investimento de máis de 5 millóns de euros.

A formalización do contrato coa empresa adxudicataria, Acciona Construcción S.A, determina o inicio nas vindeiras semanas dos traballos de execución desta infraestrutura, que cofinancian a Xunta de Galicia, Adif e o Concello de Santiago, en virtude do convenio de colaboración asinado polas tres administracións. Esta intervención tamén conta co cofinaciamento dos fondos europeos FEDER Galicia 2014-2020.

Estas obras acompásanse ás de execución, xa iniciadas, da nova estación de autobuses, na que a Xunta inviste 10,4 millóns de euros. Ambas intervencións, a nova estación de autobuses e a pasarela de interconexión entre terminais conforman a primeira fase da estación intermodal de Santiago. Co cofinanciamento das obras da pasarela a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros.

Nas obras da pasarela distínguense 3 zonas representativas, unha cara á cidade, outra que é zona central sobre vías e plataformas, nos que a construción estará condicionada polo funcionamento da estación de ferrocarril, e a zona da estación de autobuses.

A execución da pasarela peonil urbana que conectará a estación de ferrocarril coa nova estación de autobuses servirá para a mellora a conexión entre dúas zonas da cidade de Santiago separadas pola infraestrutura ferroviaria, os barrios do Ensanche e Pontepedriña, garantindo o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril.

No tocante á súa estrutura, a pasarela está formada por dúas partes diferenciadas, a plataforma de formigón e estrutura metálica porticada, dependendo dos usos e da zona sobre a que se sitúe. Terá un ancho que varía entre os 8 e 12 metros, unha altura media de 5 metros e unha lonxitude de vanos que vai dende os 8, aos 12 e 16 metros, ademais a pasarela executarase cuberta con lucernarios e fachadas cun deseño translúcido.

Comentarios