O PP insta ao Goberno municipal a desenvolver un sistema de videovixilancia que asegure a protección dos bens e a seguridade das persoas nas zonas máis sensibles da cidade

Foto de arquivo
O PP insta ao Goberno municipal a desenvolver un sistema de videovixilancia que asegure a protección dos bens e a seguridade das persoas nas zonas máis sensibles da cidade

O grupo que dirixe Agustín Hernández propón un sistema de colaboración interinstitucional para mellorar a vixilancia tanto de inmobles como de espazos públicos

O Grupo Municipal Popular insta ao Goberno de Compostela Aberta a desenvolver, coas debidas garantías, un sistema de vídeo vixilancia nas zonas máis sensibles da cidade, ao entender que tal sistema pode contribuír a mellorar a protección dos bens de importancia patrimonial e a propia seguridade das persoas.

Os Populares consideran que esta medida é necesaria, especialmente, ás portas dos Xacobeos 2021 e 2027 e tendo en conta que nos atopamos nun momento no que o Goberno de Martiño Noriega é incapaz de asegurar dotación policial nas rúas, a consecuencia do conflito que decidiu manter coa propia Policía Local.

A maior abunamento, o Grupo Municipal Popular, consciente de que a videovixilancia de inmobles e a videovixilancia do espazo público responden a réximes diferentes e con zonas de captación de imaxes diferentes, propón un sistema de colaboración interinstitucional.

Para os Populares, resulta paradoxal que o Executivo de CA instale cámaras pensadas para castigar aos condutores e se negue a colocar cámaras pensadas para disuadir aos vándalos e para protexer bens e persoas, negativa que xa manifestou o grupo de Compostela Aberta en varias ocasións no Pleno, pese ás iniciativas do Grupo Popular.

Finalmente, o Grupo Municipal Popular tamén preguntará no Pleno ordinario deste mes de marzo se xa se instalou o sistema de gravación contratado hai uns meses a instancias da Policía Local.

Comentarios