Fiscalía de Medio Ambiente denuncia ao vertedoiro e á planta de tecnosolos de Miramontes

Fiscalía de Medio Ambiente denuncia ao vertedoiro e á planta de tecnosolos de Miramontes
Fiscalía de Medio Ambiente denuncia ao vertedoiro e á planta de tecnosolos de Miramontes

Na actualidade está depositada no vertedoiro moita máis materia orgánica que a permitida polo seu proxecto construtivo, orixinando problemas coma os cheiros procedentes dos gases e comprometendo a seguridade do propio vertedoiro

A Fiscalía de Medio Ambiente vén de comunicar á Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago de Compostela - Miramontes o traslado ao xulgado de sendas querelas contra as empresas xestoras do vertedoiro e da planta de elaboración de tecnosolos da canteira de Miramontes, Sertego Servicios Medioambientais SL e Tecnosolos Galaicos SL; acción derivada das denuncias da Plataforma, o Concello e FERUSA.

No caso do vertedoiro, a Fiscalía considera que a mala xestión do mesmo pode supoñer un posible delito medio ambiental (art. 325 e seguintes do Código Penal), enumerando unha serie de incumprimentos recollidos nas actas de inspección realizadas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta, que demostrarían a súa mala xestión e o perigo potencial para a saúde das persoas e o medio ambiente.

Na actualidade está depositada no vertedoiro moita máis materia orgánica que a permitida polo seu proxecto construtivo, orixinando problemas coma os cheiros procedentes dos gases e comprometendo a seguridade do propio vertedoiro.

Segundo Fiscalía, “estaríanse incumprindo todas as prevencións e autorizacións e, por tanto, xerando un perigo para o medio”. Ademais, sinala no seu decreto que "os indicios recabados para chegar a esta conclusión son poderosos e proveñen da propia documentación obtida dos organismos oficiais e, por se isto fora pouco, do feito certo de que a poboación está padecendo una situación insoportable de cheiros aos que en ningún caso debería estar exposta, correspondendo ás administracións públicas protectoras do medio ambiente garantir que a súa calidade de vida non se vexa diminuída por unha actividade industrial e lucrativa como é a xestión dun vertedoiro”.

En relación á planta de tecnosolos, que xa conta con dous expedientes sancionadores da Xunta, a Fiscalía tamén traslada denuncia ao xulgado pola posible comisión dun delito medio ambiental; sinalando, entre outros, incumprimentos relativos á actividade autorizada, posto que o tecnosolo elaborado non cumpre cos requisitos esixidos, polo que sería un vertido de residuos que está danando o medio ambiente e poñendo en perigo a saúde das persoas.

Os lixiviados procedentes da acumulación de residuos fóra da planta e directamente sobre o terreo afectan ao entorno, concretamente ao Gatofero, río afluente do Tambre, e pode afectar a algunhas captacións de auga para consumo humano. Ademais, a instalación tamén superou a súa capacidade de xestión, excedendo amplamente os máximos permitidos pola súa autorización. O fiscal considera que a empresa era plenamente consciente dos feitos e que se lucraba con eles.

Dende a Plataforma expresan a súa satisfacción pola decisión da Fiscalía de denunciar no xulgado a mala xestión do vertedoiro e da planta de tecnosolos de Miramontes, e confían en que deste xeito se depuren responsabilidades e se tomen medidas para paliar a penosa situación que está a soportar a poboación próxima á canteira.

A vida dos veciños segue a verse gravemente alterada. Nos últimos meses os episodios de cheiros e a súa intensidade aumentaron considerablemente, afectando a zonas cada vez máis extensas, o que derivou en continuas denuncias e chamadas á policía. Conscientes de que o proceso xudicial pode dilatarse no tempo, a Plataforma volve facer un chamamento urxente ás autoridades competentes para que tomen medidas inmediatas.

Comentarios