O grupo CardioCHUS lidera un estudo multicéntrico sobre a prevaleza da aparición de fibrilación auricular de novo en pacientes con insuficiencia cardíaca

O grupo CardioCHUS lidera un estudo multicéntrico sobre a prevaleza da aparición de fibrilación auricular de novo en pacientes con insuficiencia cardíaca
O grupo CardioCHUS lidera un estudo multicéntrico sobre a prevaleza da aparición de fibrilación auricular de novo en pacientes con insuficiencia cardíaca

Trátase do primeiro proxecto intramural multicéntrico do CIBERCV dotado con 300.000 euros

Investigadores do IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela), pertencentes ao do Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (cardioCHUS) e ao CIBERCV (Centro de Investigación en Rede das Enfermidades Cardiovasculares) lidera un estudo prospectivo multicéntrico sobre a incidencia da fibrilación auricular “de novo” en pacientes con insuficiencia cardíaca (FAISCA- cardioCHUS) que ven de obter un financiamento de 300.000 euros.

A fibrilación auricular (FA) representa un problema de gran transcendencia en pacientes con insuficiencia cardíaca (IC), dado que a presenza dunha exacerba o curso da outra. A presenza de FA en pacientes con IC relaciónase cunha maior taxa de mortalidade cardiovascular e maior taxa de rehospitalización por IC. Estímase actualmente que un 30%-40% dos pacientes con IC desenvolven FA, unha prevaleza sen dúbida infravalorada debido á escasa detección da FA silente.

Este estudo, liderado polo grupo cardioCHUS, que coordina o Dr. González-Juanatey, xefe do Servizo de Cardioloxía da área sanitaria compostelá, en estreita colaboración co Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario de Salamanca e o Hospital Universitario Virxe da Arrixaca de Murcia, ten como obxectivo principal determinar a incidencia de FA “de novo”, tanto na súa forma silente como sintomática, en pacientes con IC.

Este estudo ademais de determinar a incidencia de FA, permitirá valorar o papel que xoga a FA na deterioración clínica dos pacientes con IC. Busca tamén identificar biomarcadores clínicos que permitan establecer escalas de risco de caída de función ventricular e risco tromboembólico e poidan supoñer futuras dianas terapéuticas.

Tomaranse datos epidemiolóxicos e clínicos, realizaranse estudos ecocardiográficos e un rexistro electrocardiográfico continuo mediante un holter implantable para evitar falsos negativos asociados a períodos paroxísticos. Realizarase un seguimento semestral dos pacientes durante tres anos (2019-2021). Ademais tomaranse mostras de sangue para a realización de estudos bioquímicos e xenéticos.

Sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (idis) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxias entre a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago, e ao que están vinculados 80 grupos e máis de 1.000 investigadores.

Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e situou a Galicia como referente internacional no eido da biomedicina e foi o primeiro centro galego acreditado polo Instituto de Salud Carlos III en 2010.

No seu conxunto, os grupos do idis captaron 23.638.401 € ao longo de 2016 para desenvolver os seus proxectos de investigación, son preto de dous millóns máis que o ano anterior, continuando así a súa evolución ascendente. De feito, desde a creación do instituto, no ano 2010, a captación de fondos incrementouse nun 255% (6.646.404€, no 2010).

Do total captado, máis de once millóns de euros proviñan dos 73 novos proxectos de investigación que acadaron financiamento, dos que 9 son internacionais. Outra das importantes partidas de financiamento son ingresos pola realización de estudos observacionais e ensaios clínicos, máis de tres millóns de euros no pasado ano polos 264 ensaios asinados.

Ademais do labor netamente investigador, traslacional e de publicacións, o idis desenvolve tamén un importante labor de formación tanto en etapa predoutoral como postdoutoral. O pasado ano incrementouse tamén o número de teses presentadas, acadando as 99 (66 no 2015). No 2016 os grupos do idis tamén incrementaron a publicación de traballos científicos publicados en revistas especializadas, ata acadar as 613, ao redor do 60% en revistas de primeiro cuartil (Q1) as máis prestixiosas a nivel internacional.

Comentarios
Lo más