A Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes denuncia manipulación nos datos de Sogama

A Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes denuncia manipulación nos datos de Sogama
A Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes denuncia manipulación nos datos de Sogama

A conclusión á que chega a Rede é que na xestión do lixo, de case un millón de toneladas, só se recuperan unhas 120 mil toneladas, o resto quéimase ou entérrase, e nada explican do que se fai coas cinzas e escouras produto da incineración

Segundo afirma a Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes, comunicado que a Xunta de Galicia enviou recentemente aos medios sobre o último informe presentado polo Consello da Xunta referido a SOGAMA realiza unha interpretación manipuladora dos datos reais (e públicos) da entidade. A Rede sonstén que facendo unha lectura máis pormenorizada dos datos que ofrece a empresa, pódese confirmar que só se selecciona o 12% de todo o lixo que recibe SOGAMA procedente de toda Galicia e que a queima dos residuos e o depósito no vertedoiro da Areosa seguen a ser os principais destinos das bolsas despois de máis de 47 millóns de euros invertidos en melloras da planta. Seundo informan, estamos ante unha realidade que confirma a penosa xestión da empresa responsable de xestionar o 83% do residuo urbano de Galicia.

Suliñan que o máis destacable do informe do Consello da Xunta sobre SOGAMA é xustamente o que non di. Partindo das cifras da propia empresa, SOGAMA ingresou 112 millóns de euros segundo o presuposto do ano 2018. Se temos en conta que o custe medio de tratamento de residuos en España é de 40 € por habitante e ano, a Sociedade Galega de Medio Ambiente estaría facturando ós concellos adheridos ó seu plan, 22 millóns de euros de sobrecusto. Disto dedúcense, afirman, uns beneficios dun 25% para SOGAMA que consideramos absolutamente abusivos tendo en conta que se trata dun servizo público no que a maior parte dos concellos actúan como clientes cautivos.

Os concellos adheridos ao plan SOGAMA, que son o 94 por cento de Galicia, pagan un canon por tonelada de lixo, que ronda, actualmente, os 70€. A Rede sostén que esta taxa pagámola toda a cidadanía coa confianza de que este lixo se separe e se recicle na planta do Concello de Cerceda. O custe medio de tratamento de residuos en España é de 40 € por habitante e ano. Iso suporía, nos concellos adheridos a SOGAMA, uns 90 millóns de euros tendo en conta que se atende a unha poboación de 2.260.000 habitantes.

Partindo das cifras da propia empresa, nos presupostos para o 2018, os ingresos estimados totais foron de 112 millóns de euros, o que supón un beneficio de 22 millóns de euros no exercicio dese ano, que proveñen do pago dos concellos e da venda de servizos, enerxía e materiais recuperados no tratamento. Débese ter en conta que a empresa verte o 40% do lixo que recibe directamente no vertedoiro da Areosa e cobra como se este lixo fose tratado previamente para a súa reciclaxe.

Ningún destes datos figuran no informe aos medios de comunicación facilitado polo Consello da Xunta á prensa o día 28/02/2019, suliña a Salvemos a Comarca de Ordes.

En canto á xestión do lixo, seguen informando, de acordo coas cifras oficiais, o complexo de SOGAMA recibe en torno a un millón de toneladas de lixo ó ano das cales se recuperaron 120 mil toneladas de materiais, 480 mil foron queimadas e unhas 400 mil foron vertidas directamente no vertedoiro da Areosa sen ningún tipo de tratamento, poñendo en risco a poboación e a cunca do Río Tambre.

A conclusión á que chega a Rede é que de case un millón de toneladas, só se recuperan unhas 120 mil toneladas, o resto quéimase ou entérrase, e nada explican do que se fai coas cinzas e escouras produto da incineración. O que SOGAMA está conseguindo ao longo dos últimos anos é que cun investimento total de 47 millóns de euros no complexo de tratamento se recupere únicamente un 12%.

Os vertedoiros da Areosa ocupan unha superficie de 63 hectáreas, acumulando montañas de lixo dende o ano 1996, cando foi creado como vertedoiro temporal até que comezase a funcionar a planta de reciclaxe. Afirman que disto dedúcense dúas cousas: a primeira é que o modelo SOGAMA non funciona; e a segunda é que se lles está cobrando aos concellos un sobrecuste do 25% que repercute na cidadanía.

Dende hai anos os veciños e veciñas da comarca de Ordes veñen reclamando melloras no transporte, combustión e tratamento dos lixiviados e cheiros de todas as instalacións de SOGAMA, sen que se teña producido outro efecto que o paso de camións polo centro urban de Ordes. Como consecuencia das últimas actuacións da veciñanza de Lesta, a instalación do banco mais fedento do mundo e a atención de numerosos medios de comunicación, no Consello da Xunta do pasado día 7 de marzo aprobouse autorizar a construción dunha nova planta depuradora para o vertedoiro da Areosa, planta que chega con 23 anos de retraso nos que se teñen producido danos irreversibles na conca do río Tambre.

Comentarios
Lo más