María Pilar Jiménez Aleixandre recibe o prestixioso premio Distinguished Contribution to Research Award

María Pilar Jiménez Aleixandre recibe o prestixioso premio Distinguished Contribution to Research Award
Foto de arquivo
María Pilar Jiménez Aleixandre recibe o prestixioso premio Distinguished Contribution to Research Award

É a primeira investigadora española que gaña o galardón da asociación estadounidense de investigación en didáctica das ciencias NARST

A profesora ad honorem da USC María Pilar Jiménez Aleixandre acaba de ser galardoada coa máxima distinción que outorga anualmente a organización mundial de investigación en didáctica das ciencias NARST (National Association for Research in Science Teaching), o Premio á Contribución Sobresaliente á Investigación de 2019, o máis importante do mundo na área de didáctica das ciencias e que, desde o seu inicio en 1986, unicamente recaeu en catro investigadores europeos. A profesora da USC é a primeira investigadora española en recibilo. O galardón recollerao o 31 de marzo en Baltimore no transcurso do Congreso anual de NARST.

Coñecido polo acrónimo DCRA (Distinguished Contribution to Research Award), o premio recoñece anualmente a traxectoria de quen “a través de investigacións durante un longo período de tempo fixo contribucións continuadas e sobresalientes, forneceu un notable liderado e tivo un impacto substancial na área de didáctica das ciencias".

Entre as contribucións que NARST tivo en conta para recoñecer a profesora Marilar Jiménez Aleixandre cómpre destacar, ademais das súas numerosas publicacións, a dirección de proxectos de investigación financiados e a súa proxección internacional nas áreas de argumentación e prácticas epistémicas. Saliéntana tamén como figura destacada entre a comunidade de investigadores ibero-latinoamericanos e mesmo cun papel fundamental no establecemento da Asociación Europea de Investigación en Educación Científica (ESERA), que agora é un próspero grupo internacional de investigación con máis de 1.800 membros.

Jiménez Aleixandre, cun índice h de 32, é ademais primeira autora dun dos artigos pioneiros en iniciar a liña de investigación sobre argumentación e uso de probas en ciencias (Jiménez-Aleixandre, M. P., Bugallo-Rodríguez, A. & Duschl, R. A. (2000). “Doing the lesson or doing science”: Arguments in high school genetics. Science Education, 84(6), 757–792) e que, segundo estudos bibliométricos, é o artigo da Web of Science máis citado de educación (non só de didáctica de ciencias) de autoría española, con 1275 citas en Google Scholar.

Comentarios