A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos convoca unha manifestación "24h NON-STOP"

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos convoca unha manifestación "24h NON-STOP"
Foto de arquivo
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos convoca unha manifestación "24h NON-STOP"



Tras confirmarse a inminente explotación da canteira por parte da empresa Toysal, a veciñanza sairá ás rúas nun acto que se desenvolverá ao longo de 24 horas e que contará coa representación de diferentes colectivos da comarca

O pasado sábado 16 de marzo a Xunta emitía un comunicado a través da prensa no que confirma a intención desta empresa de iniciar a explotación mineira da antiga canteira tras desistir no seu intento de abrir un vertedoiro.

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos considera que esta explotación da canteira obedece a un intento de dilación do dereito mineiro, que doutra maneira caducaría en breve, para así xustificar un futuro plan de “restauración” da canteira.

Porén, esta “restauración” nunca tería que facerse efectiva, posto que a canteira a día de hoxe xa se atopa rexenerada de maneira natural mediante unha lagoa que xerou ao seu arredor todo un ecosistema no que habitan e crían numerosas especies como patos e outras aves.

A explotación dunha canteira que xa está esgotada non é negocio, o negocio é o vertedoiro. Ademáis esta empresa nunca se dedicou á minería, senón á xestión do lixo. O negocio atópase nun plan de restauración que pasará por reencher de residuos o monte ata as cotas iniciais, soterrando así o ecosistema actualmente existente e contaminando para sempre o terreo, os manantiais e os regatos da zona, chegando a afectar ao río Ulla e de aí á ría de Arousa.

Por este motivo a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos convoca á veciñanza a unir unha vez máis as súas forzas nunha manifestación non-stop que se desenvolverá dende o mediodía do sábado 23 de marzo ata a mesma hora do domingo 24. Durante ese tempo ANPAs, gandeiros, asociacións culturais, políticos, clubes deportivos, eclesiásticos, comisións de festas, plataformas mediambientais, e demáis colectivos da comarca farán relevos dunha hora de duración para manifestarse ao longo da N-550 ao seu paso pola Casalonga. O acto concluirá o domingo ás 12h cunha gran manifestación veciñal que dará comezo no campo da festa do Monte Carmelo, onde se facilitará aparcadoiro gratuíto, e que baixará ata a entrada da pista da canteira.

Con este acto simbólico a Plataforma quere lembrarlle á empresa de lixo que a veciñanza permanece alerta 24h ao día os 365 días do ano sen baixar a garda.

Comentarios