Agustín Hernández ofrecerá consenso para levar a cabo a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago

Agustín Hernández ofrecerá consenso para levar a cabo a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago
Agustín Hernández ofrecerá consenso para levar a cabo a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago

O dirixente Popular explicou que unha das necesidades máis urxentes que hai que abordar “é a problemática existente no rural ao respecto da ausencia de servizos en determinadas zonas”

O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, presentou hoxe, en rolda de prensa, a cuarta cláusula do contrato capital que asinará cos veciños de Santiago nos vindeiros días. Hernández centrou esta nova medida “na necesidade de levar a cabo a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), algo completamente necesario, posta que as ordenanzas que rexen a cidade son do ano 2008”.

Agustín Hernández explicou que, de obter a confianza da veciñanza o vindeiro 26 de maio, “o Partido Popular ofertará, desde o inicio do vindeiro mandato, a suscrición dun pacto polo territorio, un pacto a prol do urbanismo, co fin de enmarcar a redacción e tramitación da revisión do Plan desde a participación e o consenso”.

Para isto, concretou Hernández, é necesaria a intervención de todos os sectores cívicos da cidade e das forzas políticas, para que, grazas a este acordo, se fixen os obxectivos, o calendario e os estándares, sen que o debate político o contamine, posto que a revisión do Plan é un proxecto que excede o ámbito temporal dun mandato municipal”.

Cando xa teñen pasado 11 anos desde a aprobación deste documento, o PP de Santiago cree que é o momento de actualizalo, para adecualo ao novo marco legal; para reordenar os ámbitos de desenvolvemento, co fin de adaptalos ás necesidades actuais da cidade; para revisar e establecer os limites do ámbito do Plan Especial do Casco Histórico; para permitir a colmatación dos espazos actualmente baleiros e para recoller as novas infraestruturas desenvolvidas desde 2008. Ademais de ter que dar visibilidade aos estándares medioambientais e de sostibilidade, que garantan o desenvolvemento sostible para os vindeiros 20 anos.

O dirixente Popular explicou que unha das necesidades máis urxentes que hai que abordar “é a problemática no rural coa falta de servizos nalgunhas zonas, unha serie de situacións negativas que se reitera nos solos clasificados polo PXOM como urbanos consolidados dentro das ordenanzas, é dicir, os afectados polas ordenanzas 5, das vivendas unifamiliares en liña; a 6, de vivendas unifamiliares extensivas; e a 11, dos núcleos tradicionais incorporados ao solo urbano”.

Coa revisión que pretende o PP, para poder edificar ou rehabilitar integralmente unha edificación nestes solos, os promotores terán que facer as obras de urbanización e conexión coas redes de servizos e viaria en funcionamento antes da concesión da licenza de obras, ou ben avalar o custe total das obras de urbanización e conexión mediante unha garantía ante o Concello de forma que, se non as executaran, o Concello incautaría a garantía para facer ditas actuacións de maneira subsidiaria.

Agustín Hernández subliñou que, en moitas parcelas clasificadas polo PXOM como solo urbano nas ordenanzas antes mencionadas, estas obras de urbanización ou teñen un custe desproporcionado, que fai inviable ao promotor a súa asunción e edificar, ou ben xa directamente é de imposible execución. “Isto leva aos propietarios a vivir unha situación subrealista, ao non poden edificar, pero si ter as súas parcelas clasificadas polo PXOM como solo urbano consolidado e tendo que pagar os correspondentes impostos como a contribución urbana” engadiu.

Esta situación levou a algúns dos propietarios a levar a denegación da licenza municipal de obras aos tribunais, fallando de maneira reiterada na súa contra, posto que non poden ser edificados conforme á lei aquelas parcelas urbanas que non adquiran a condición de solar. Hernández remarcou que, neste momento, é necesario dar unha solución que permita edificar ou rehabilitar integralmente, sen ter que afrontar os custes de urbanización precisos para completar os servizos urbanos e executar as obras necesarias para conectar coas redes de servizos e viaria en funcionamento.

Para elo, hai que cambiar a clasificación dalgúns ámbitos de solo urbano consolidado, cualificado dentro das ordenanzas 5, 6 e 11, para reclasificalos como solo de núcleo rural, tendo condicións urbanísticas semellantes, co que non estarían obrigados a completar a urbanización, xa que non é necesario adquirir a condición de solar, sendo suficiente ceder de maneira gratuíta ao Concello os terreos para a apertura ou regularización do viario preciso e executar a súa costa a conexión cos servizos que xa hai no núcleo.

Así, para edificar no ámbito dos núcleos rurais dispoñerase de acceso rodado de uso público e executarse a conexión coas redes de servizo existentes no núcleo rural ou nas súas cercanías, pero de non existir, resolveranse por medios individuais con cargo ao da promotora e co compromiso de conexión cando se implanten os servizos.

Con esta solución, poderíase edificar nestes ámbitos en condicións semellantes ás que fixa actualmente o PXOM e, polo tanto, sen aumentar a capacidade residencial do PXOM, simplemente porque o promotor resolverá mediante soluciones autónomas o suministro de auga e a depuración de augas residuais, cuxa autorización por Augas de Galicia deberá ser previa á obtención da licenza de edificación.

Un Plan á carta de intereses que no representaban aos veciños

O actual PXOM fíxose no punto álxido da burbulla inmobiliaria, á carta de intereses que no representaban aos veciños e que definía uns ámbitos de desenvolvemento de excesivo tamaño é, moitos deles, cunha distribución de cargas é beneficios que inviabilizaba o seu desenvolvemento. Hernández destacou que “o documento que está agora en vigor fíxose de costas ao noso rural, impedindo o crecemento dos núcleos e, desa maneira, o seu crecemento e a fixación da poboación nas parroquias, que tivo tamén como resultado espazos baleiros e a medio desenvolver, como é o caso de San Lázaro ou do Castiñeiriño; e non solucionou a necesidade de ter solos empresariais asequibles para o noso tecido empresarial, é máis, coa distribución de cargas inviabilizou actuacións como as previstas na zona norte do Concello”.

Comentarios
Lo más