Conferencia do académico Carlos García Gual no IES Antonio Fraguas

Conferencia do académico Carlos García Gual no IES Antonio Fraguas
Conferencia do académico Carlos García Gual no IES Antonio Fraguas

Terá lugar hoxe ás 10:45 horas para o alumnado

O IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela  acolle no seu salón de actos a conferencia «La Odisea de Homero» que impartirá o prestixioso académico e helenista Carlos García Gual, hoxe venres ás 10:45 horas. Esta charla, organizada desde o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares do instituto compostelán, é posible gracias ao Plan de Fomento da Lectura «Leer te da vidas extra», organizado pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, dependente do Ministerio de Cultura e Deporte. O seu programa «Por qué Leer a los Clásicos» promove que un especialista acuda a centros educativos co fin de ofrecer unha charla sobre unha obra literaria considerada clásica nun sentido amplo. 

Nesta ocasión, a obra escollida é a Odisea de Homero, a epopea que narra as múltiples aventuras que viviu o heroe grego Odiseo desde o final da Guerra de Troia ata o seu retorno definitivo á súa patria na illa de Ítaca. A conferencia está dirixida a alumnos de 1o e 4o de ESO e 1o de Bacharelato, e tamén a un grupo de rapaces do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela. Previamente, o alumnado preparou cos seus profesores a súa asistencia á charla a través da lectura e do estudo de traducións e adaptacións da Odisea.

O escritor, filólogo, tradutor e crítico literario Carlos García Gual, é catedrático de filoloxía grega da UCM e en novembro de 2018 foi escollido para ocupar a cadeira J da Real Academia Española. É un recoñecido experto na literatura e filosofía da antigüidade clásica e é autor de infinidade de libros e artigos sobre temas como a literatura clásica e medieval, a filosofía grega e a mitoloxía, entre outros moitos, entre os que destacan Los orígenes de la novela (1972), Epicuro (1981), Mitos, viajes, héroes (1981), La secta del perro (1987), Introducción a la mitología griega (1992), Diccionario de mitos (2003), Sirenas. Seducciones y metamorfosis (2014) e Grecia para todos (2019).

Entre as múltiples distincións que lle foron outorgadas cómpre salientar o Premio de tradución Fray Luis de León (1978) e o Premio nacional de tradución polo conxunto da súa obra (2002). García Gual é un profundo coñecedor da obra de Homero, cuxa Odisea traduciu para a editorial Alianza.

Comentarios