Propoñen que a terminal vella de Lavacolla se transforme nun recinto feiral

Propoñen que a terminal vella de Lavacolla se transforme nun recinto feiral
Propoñen que a terminal vella de Lavacolla se transforme nun recinto feiral

Despois de nove anos sen uso definido, as instalacións atópanse nunha situación de total abandono e cun deterioro importante

Xoán Bascuas, candidato de Compromiso por Galicia nas vindeiras eleccións locais, reclama que se cumpra o aprobado no pleno en marzo de 2017 e comecen as conversas con AENA e o Ministerio de Fomento para darlle uso a vella terminal do aeroporto. Despois de nove anos sen uso definido, as instalacións atópanse nunha situación de total abandono e cun deterioro importante.

Esta situación reprodúcese cos terreos do Aeroclub, que se atopan a monte e cheos de maleza, despois de ser expropiados por AENA e só darlle uso a unha parte do antigo campo de golf.

Bascuas considera que o uso idóneo para a terminal vella sería o dun recinto feiral, non só polas súas magníficas dimensións, senón pola situación estratéxica nas redes de de comunicación viaria. Ademais, engade "o recinto Feiral de Amio é unha referencia como Mercado Nacional de Gando e resulta difícil conciliar esta actividade semanal, tan importante para para Santiago de Compostela, con outras dun carácter máis eventual". A capital de Galicia ben merece dispoñer dunhas instalacións dedicadas de xeito exclusivo á Feira do Gando e, por outra, gozar dun recinto feiral acorde cos retos que terá que acometer nun futuro.

Compromiso tamén propón recuperar os terreos do antigo Aeroclub e convertilos nun espazo deportivo municipal dotado de ximnasio, piscina, pistas de tenis e pádel, debido a demanda que existe no Concello, podendo mesmo incorporalo á unha nova concesión do Multiúsos Fontes do Sar e o de Santa Isabel que atópanse cun alto número de aboados.

AENA e Fomento comunicaron en varias ocasións que están dispostos a estudar todos os proxectos que se lle presenten "pero a iniciativa ten que partir da administración local e van sendo horas de elaborar propostas nesa materia".

Comentarios