Comeza a XIX Campaña Municipal de Animación á Lectura

Comeza a XIX Campaña Municipal de Animación á Lectura
Comeza a XIX Campaña Municipal de Animación á Lectura

A XIX edición da Campaña dará comezo hoxe martes pola tarde, coa presentación ao profesorado do programa no que van participar milleiros de escolares ata o vindeiro 3 de maio

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, acompañado da coordinadora de Kaladraka, Manuela Rodríguez, deu conta onte dos detalles dunha nova edición da Campaña Municipal de Animación á Lectura, que se desenvolverá no Centro Abanca e que ten como lema Cándido e dez premios máis, título da última obra gañadora do Premio Compostela de Álbums Ilustrados.

A XIX edición da Campaña dará comezo hoxe martes pola tarde, coa presentación ao profesorado do programa no que van participar milleiros de escolares ata o vindeiro 3 de maio. Haberá sesións de contacontos para Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria, visitas guiadas á exposición de ilustracións e instalacións artísticas, obradoiros de ilustración e de escrita creativa para 2º e 3º de Primaria no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, contos, música e actividades na rede de escolas infantís.

Durante este tempo, as salas do Centro Abanca serán un pequeno museo onde se poderán admirar as ilustracións de Cándido e os demais, obra coa que Fran Pintadera e Christian Inaraja gañaron o XI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Ademais desta obra haberá ilustracións correspondentes a todas as obras galardoadas no certame: Cerca, de Natalia Colombo; Un gran soño, de Felipe Ugalde; A familia C, de Pep Bruno e Mariona Cabassa; A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto; Bandada, de Julia Díaz e David Álvarez; Mamá, de Mariana Ruiz Johnson; Ícaro, de Federico Delicado; Despois da chuvia, de Miguel Cerro; Unha última carta, de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; e a A horta de Simón, de Rocío Alejandro.

Como cada ano, a Campaña ábrese á participación das familias, con dúas sesións especiais de contacontos para bebés de 0 a 3 anos o venres 5 de abril ás 17:30 e ás 18.30 horas, con asistencia previa inscrición no Departamento de Educación do Concello. O peche da campaña tamén será unha celebración aberta ao público, o sábado 27 de abril ás 12:00 h, na que non faltarán os contos, amenizados coa colaboración do alumnado da Escola Municipal de Música.

XII Premio Compostela

No marco da XIX Campaña Municipal de Animación á Lectura, o Departamento de Educación e Cidadanía e Kalandraka convocaron o XII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cuxo prazo de envío de traballos rematará o 30 de abril. Está aberto á participación de autores e ilustradores de todo o mundo que presenten obras orixinais e inéditas escritas en calquera lingua oficial da Península. O fallo do xurado coñecerase na primeira quincena de xuño e o premio consistirá na publicación do traballo distinguido nas cinco linguas peninsulares, ademais de 9.000 euros como adianto polos dereitos do autor.

Ao longo das 11 edicións precedentes, a cantidade de traballos presentados supera os 3.000 proxectos, procedentes de numerosos países. Figuras tan destacadas da literatura infantil e xuvenil como os premios nacionais Xabier Docampo, Fina Casalderrey, Miguel Calatayud e Emilio Urberuaga, editoras como Esther Tusquets e Felicidad Orquín, ou artistas como Roberto Innocenti, teñen formado parte do xurado.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago persegue achegar a lectura, a ilustración e a escritura aos nenos e nenas, nun marco agradable e motivador que favoreza a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, favorecendo que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tampouco se descoida a importancia da tradición oral como vehículo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego. 

Comentarios