A Garda Civil e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago firman un convenio para mellorar a seguridade na ruta xacobea

A Garda Civil e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago firman un convenio para mellorar a seguridade na ruta xacobea
A Garda Civil e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago firman un convenio para mellorar a seguridade na ruta xacobea

O protocolo operativo asinado onte compromete a ambas partes a "asegurar a promoción de accións e iniciativas comúns que permitan aumentar a prevención, concienciación e a eficacia da loita contra as actividades ilícitas no Camiño Francés"

O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu onte á tarde o acto de sinatura dun protocolo operativo entre a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago e a Garda Civil para mellorar a seguridade na ruta xacobea. O alcalde compostelán, Martiño Noriega, exerceu como anfitrión no acto

O presidente da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago e alcalde de León, Antonio Silván, e o director adxunto da Garda Civil, Laurentino Ceña Coro, foron os encargados de asinar o protocolo, nun acto no que exerceu de anfitrión o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Segundo explicaron, o acordo ten o propósito de "reforzar a colaboración entre a asociación, que xunta ao 80% dos municipios polos que pasa o Camiño, e o Corpo de Seguridade". O documento será o marco para futuros proxectos para mellorar o sistema de protección de peregrinos e peregrinas e da propia ruta xacobea, así como tamén para dotar aos albergues de maiores ferramentas de control.

No acto de sinatura, o presidente da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago explicou as orixes desta entidade, que "nace cando os concellos tomaron consciencia da dispersión das accións municipais ao redor da ruta xacobea". Antonio Silván mostrou a súa satisfacción por "este intento de coordinación de todos os concellos do Camiño Francés en cuestións que son preocupacións comúns, como a seguridade no Camiño". Tal e como sinalou, "a Garda Civil é, pola distribución territorial de competencias, o corpo de seguridade que proporciona o núcleo básico da seguridade pública no Camiño de Santiago, e de aí a sinatura deste protocolo"

Pola súa banda, o director adxunto operativo da Garda Civil mostrou a vontade do Corpo por "seguir cumprindo a súa misión de protexer e auxiliar ás persoas, alá onde se atopen". Laurentino Ceña destacou tamén que "dende 1844, o servizo en camiños e vías de comunicación constitúe un obxectivo de atención prioritaria para a Garda Civil".

O protocolo operativo asinado onte compromete a ambas partes a "asegurar a promoción de accións e iniciativas comúns que permitan aumentar a prevención, concienciación e a eficacia da loita contra as actividades ilícitas no Camiño Francés, os seus aloxamentos, patrimonio natural e cultural, e entorno rural". A Asociación e a Garda Civil acordaron a creación dunha Comisión de Seguimento Mixta, para unha mellor coordinación dos proxectos amparados no acordo.

Con motivo do 175º Aniversario da fundación da Garda Civil, o presidente da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago fixo entrega dun gravado orixinal de 1715 que describe unha procesión de peregrinos na praza do Obradoiro, en agradecemento polo labor do corpo na ruta xacobea, e en particular nas zonas rurais máis desprotexidas. 

Comentarios
Lo más