Aprobado o Plan de Xestión da Cidade Histórica

Aprobado o Plan de Xestión da Cidade Histórica
Foto de arquivo
Aprobado o Plan de Xestión da Cidade Histórica

Jorge Duarte explicou que o Plan de Xestión "é realmente un Plan Estratéxico que o Concello de Santiago abordou a partir dun longo proceso participativo, e que vai moito máis alá dun documento urbanístico"

A Xunta de Goberno aprobou o Plan de Xestión da Cidade Histórica, un documento requirido pola UNESCO para as Cidades Patrimonio da Humanidade e que, na práctica, equivale á elaboración dun Plan Estratéxico. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, lembrou que o documento "é o froito dun proceso de participación no que participaron máis dun cento de axentes da cidade e de moi distintos ámbitos".

O concelleiro deu conta da aprobación do Plan de Xestión, na Xunta de Goberno celebrada onte. Jorge Duarte explicou que "este documento elaborouse de forma paralela á revisión do Plan Especial da Cidade Histórica se ben non se circunscribe exclusivamente a este ámbito". O edil apuntou que "despois de que o Pleno da Corporación rexeitara a aprobación conxunta do Plan de Xestión e do Plan Especial, acordamos seguir cos trámites que son competencia da Xunta de Goberno, como é a aprobación deste documento". Jorge Duarte explicou que "o Goberno xa ten presente o contido do Plan de Xestión en actuacións como a reforma da ordenanza que regula a ORA, ou mesmo no deseño do futuro servizo de autobuses".

Carácter de Plan Estratéxico

Jorge Duarte explicou que o Plan de Xestión "é realmente un Plan Estratéxico que o Concello de Santiago abordou a partir dun longo proceso participativo, e que vai moito máis alá dun documento urbanístico". O edil apuntou que "despois de 25 anos de experiencia en políticas de conservación e rehabilitación, afrontamos unha forma renovadora de planificación, no que se abordan cuestións que van desde o acoplamento da cidade histórica ás novas tecnoloxías ata a promoción dun gran espazo da innovación".

O Plan de Xestión, elaborado por un equipo redactor liderado por Juan Requejo, identificou como primeiro reto da cidade histórica "manterse como cidade viva e non converterse nun lugar non que unicamente se acumula o patrimonio para ser visitado polos turistas". No documento apúntase a "unha perda grave da vitalidade da cidade histórica, que se deduce da perda progresiva de poboación residente e dos usos tradicionais dos inmobles e da excesiva centralidade dos sectores da hostalería e o ocio.

Os obxectivos estratéxicos que fixa o Plan de Xestión pasan, pois, por desenvolver o potencial de acollida residencial da cidade histórica e a por recuperar as actividades comerciais e culturais propias; por asegurar a conservación do patrimonio, e por reorientar o modelo turístico. Tamén se apunta a necesidade de impulsar a vinculación da zona vella de Santiago á innovación e o coñecemento, xunto co apoio ás actividades creativas e de organizar un esquema de mobilidade adaptada ás súas condicións específicas para vertebrar mellor a améndoa co seu contexto urbano e comarcal.

Programas de actuación

O Plan de Xestión da Cidade Histórica está relacionado e debe influír noutros documentos de especial relevancia para a cidade, dende o PXOM ata o Plan de Transporte Metropolitano, pasando polo Plan Estratéxico de Turismo, o Plan de Mobilidade, ou o Plan de Acción Local polo Emprego.

En base a iso, o Plan de Xestión establece os programas de actuación máis importantes na cidade histórica, que deben atender a cuestións como a habitabilidade e a recuperación da vitalidade residencial; a reocupación das vivendas por residentes permanentes fronte ao modelo dos pisos turísticos; a implantación dunha rede de telecomunicacións na zona vella; ou o deseño dun novo esquema de mobilidade. O documento tamén recolle como actuacións prioritarias a promoción e divulgación do patrimonio de Santiago; así como para o desenvolvemento de actividades creativas e culturais ao tempo que se converte a cidade nun nó investigador vinculado á Universidade

Comentarios