Arredor de 90 persoas participarán esta fin de semana no X Seminario Internacional de Materiais didácticos sobre robótica educativa

Arredor de 90 persoas participarán esta fin de semana no X Seminario Internacional de Materiais didácticos sobre robótica educativa
Arredor de 90 persoas participarán esta fin de semana no X Seminario Internacional de Materiais didácticos sobre robótica educativa

Nestas xornadas intervirán un gran número de profesionais do ámbito, que analizarán o uso que pode facerse dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria

Onte arrincou no Pazo da Peregrina a décima edición do Seminario Internacional de Materiais didácticos, que este ano xirará en torno á robótica educativa. Nestas xornadas intervirán un gran número de profesionais do ámbito, que analizarán o uso que pode facerse dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria. Organizadas pola Nova Escola Galega, o Grupo de investigación en materiais educativos CAVILA e o Concello de Ames; a este seminario asistirán como público arredor de 90 persoas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o folleto informativo do Seminario.

A localidade de Bertamiráns acolle os días 29 e 30 de marzo o X Seminario Obradoiro Internacional de Materiais didácticos. O día 29 o encontro terá lugar no Pazo da Peregrina no que se dará comezo ao seminario cunha conferencia inaugural que servirá para situar o significado das competencias STEM e a súa implicación para a aprendizaxe e o coñecemento. A continuación realizarase unha presentación da Aula Nova – CAFI. O día rematará cun encontro Lúdico-Cultural no que se celebrarán os 10 anos do Seminario.

Hoxe sábado 30, o encontro será na Casa de Cultura de Bertamiráns iniciando a xornada cunha exposición fotográfica. Posteriormente levarase a cabo varios obradoiros simultáneos no que os asistentes poderán iniciarse no desenvolvemento práctico da avaliación dos robots como recursos educativos.

Estes obradoiros estarán divididos en tres tramos da educación: infantil; primaria e secundaria. Destaca a presenza nestes obradoiros de dúas mestras de educación primaria do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo, que recibiu en 2018 o terceiro premio do Premio Nacional Fundación GSD de Innovación Educativa polo proxecto “Realidade virtual e storytelling”.

Entre os obxectivos deste encontro están: coñecer as tipoloxías de robots e estratexias metodolóxicas para utilizar estes recursos en diferentes etapas educativas; e tomar decisións construtivas respecto do uso dos considerados robots educativos no contextos escolar. Está dirixido aos docentes dos centros escolares, así como ao conxunto da veciñanza amesá. Aborda cuestións de grande interese como é a robótica e mailas TIC. Ademais, permitirá afondar na utilización da robótica tanto nos colexios como nos fogares e nas metodoloxías STEM.

Conscientes da necesaria formación en metodoloxías STEM e partindo de que a escola é un espazo de aprendizaxe na que debe realizarse un tratamento reflexivo, crítico e innovador dos avances tecnolóxicos e científicos, esta actividade nace coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outros/as profesionais…) co fin de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria.

Comentarios
Lo más