Pallasos en Rebeldía e BDS Galiza organizan o mércores unha gala de boicot á celebración de Eurovisión en Israel

Pallasos en Rebeldía e BDS Galiza organizan o mércores unha gala de boicot á celebración de Eurovisión en Israel
Pallasos en Rebeldía e BDS Galiza organizan o mércores unha gala de boicot á celebración de Eurovisión en Israel

Se celebrará o vindeiro mércores, 3 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas acolleu a presentación da “Gala Boicote Eurovisión 2019 en Israel –Tel Aviv–”, que se celebrará o vindeiro mércores, 3 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21). No acto, que foi no salón Rahid do hotel Eurostars Araguaney, interviñeron Elvira Souto, membro do movemento social BDS Galiza, e Fran Rei, membro e fundador da asociación cultural e de cooperación internacional Pallasos en Rebeldía, que explicaron os detalles e actividades desta gala solidaria e reivindicativa –entrada de balde–, organizada por BDS Galiza e Pallasos en Rebeldía en colaboración coa Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Concello de Santiago, Jenin e Galiza por Palestina.

A edición 2019 do Festival da Canción de Eurovisión celebrarase en Tel-Aviv o vindeiro mes de maio, e segundo as organizacións promotoras desta gala de boicot e repulsa, “os países participantes no certame están confirmando implicitamente a súa disposición, en interese do espectáculo, a encubrir a ocupación de Palestina e a continua negación dos dereitos do seu pobo”.

Os organizadores sinalan que Israel, como anfitrión da Eurovisión 2019, pretende “lavar a cara” a este apartheid utilizando descaradamente o festival “europeo” como parte da campaña oficial Brand Israel, deseñada para mostrar ao mundo unha cara amable e desviar a atención da comunidade internacional dos seus crimes contra a humanidade. “Participar activa ou pasivamente na organización de Eurovisión 2019 en Tel Aviv é pechar os ollos ao horror da ocupación, da limpeza étnica e do xenocidio que sofre o pobo da Palestina a mans do poderoso estado nuclear de Israel” –dixo Elvira Souto–.

Tomando como modelo a campaña alentada por artistas de numerosos países que na década dos 80 rexeitaron o Sun City como forma de protesta contra o apartheid sudafricano daqueles anos, organizacións culturais e artistas de Palestina apelan agora á consciencia social para instar a exercer presión sobre Israel de forma non violenta a través do boicot activo á Eurovisión de Tel-Aviv, ata que Israel cumpra as súas obrigas en conformidade co dereito internacional.

Dentro desta campaña internacional, organízase este concerto solidario en Santiago de Compostela, presentado por Xurxo Souto e Isa Risco, no que actuarán artistas e bandas galegas como Mónica de Nutm Jásper Nao, Zeltia Irevire & Neves Seara, o Mago Teo, Alba María e Queco Díaz, Somdolilá, Jano Costas, Culturactiva Producións e Check Point Clown.

Tamén se proxectará un extracto do corto documental “Gaza” (El Retorno Producciones. 2018. 18 minutos), dirixido por Carles Bover e Julio Pérez, cinta gañadora do Goya ao mellor Corto Documental en 2019. O documental conta como, trala última agresión israelí sobre a Franxa de Gaza, unha vez cesan os bombardeos, a realidade do conflito desaparece dos medios de comunicación. O documental é unha viaxe a Gaza, no que a través de diversos personaxes coñécese a vulneración de dereitos humanos que sofren diariamente e a situación de bloqueo e posguerra pola que trata de sobrevivir a poboación palestina na Franxa de Gaza, unha viaxe a través das súas cidades, xentes e da súa historia baixo a ocupación de Israel.

O obxecto desta acción é ofrecerlle á cidadanía de Santiago e a súa comarca a posibilidade de sumarse a esta campaña internacional de boicot e tamén ser un altofalante visible e mediático que solicite aos medios públicos galegos e españois que actúen dentro da EBU- Unión Europea de Radiodifusión, que se absteñan de participar en calquera modalidade no Festival de Eurovisión de 2019. Ademais, ese mesmo mércores instalarase a partir das 17:00 horas un check point na Praza do Toural para distribuír información sobre a situación de Palestina.

O día anterior, o martes 2, organizarán tamén unha palestra na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, con Sami (Jenin), Dani (BDS-Galiza, cooperante en Cisjordánia), e un representante de Pallasos en Rebeldía. Pallasos en Rebeldía/ BDS Galiza

A Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía é un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que exprésase a través do clown e as artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países, sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras.

Pallasos en Rebeldía fundouse en 2004 ao amparo do FESTICLOWN (Festival Internacional de Clown), festival que converteu Palestina nunha sede na que se celebrou o festival os anos 2012, 2015, 2016, 2017 e 2018. Previamente, no 2009, unha caravana de Pallasos en Rebeldía visitou o país, e no 2010 fíxose o primeiro intento de celebrar o Festiclown pero o seu director, Iván Prado, foi prisioneiro e expulsado, motivo polo que se cancelou.

BDS Galiza é un movemento global que se converteu no eixo reivindicativo da solidariedade con Palestina, un movemento global de que Galiza non pode estar ausente.

Comentarios
Lo más