O Centro Empresarial do Tambre acolle a exposición “SECAS_NDO” da artista Amelia Seoane-Chanes

O Centro Empresarial do Tambre acolle a exposición “SECAS_NDO” da artista Amelia Seoane-Chanes
O Centro Empresarial do Tambre acolle a exposición “SECAS_NDO” da artista Amelia Seoane-Chanes

Composta por un centenar de obras das series “Malpaís”, “Negra Sombra” e “Descaradas”, inaugurarase o luns ás 20 horas e poderase visitar ata o 26 de abril

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará hoxe luns, día 1 de abril, a exposición de pintura “SECAS_NDO” da artista Amelia Seoane-Chanes. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e contará coa presenza da artista e do comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 26 de abril.

A artista explica que o título SECAS- NDO fai referencia ao acto creativo como froito dun movemento, dun feito ou dunha acción. “O acto creativo emerxe dun movemento continuo, desde o lugar da presenza e conexión co que xorde de maneira singular e á vez dun modo fortuíto e casual, máis consciente ou inconsciente, conformando un novo elemento” –apunta–.

A mostra, na que por primeira vez se recolle a maior parte da súa obra, engloba un centenar de pinturas de tres das series máis representativas da obra de Amelia Seoane- Chanes: “Malpaís”, “Negra Sombra” e “Descaradas”, de diversos tamaños (desde 20x20 a 150x150 cm.) e nas que emprega técnicas mixtas, co uso de diferentes celulosas, materiais vexetais, vernices, esmaltes, acrílicos, areas, cordas... que aportan texturas e fan a obra máis matérica.

Nestas series, a artista fai patente a importancia da paisaxe como fío condutor, tanto nas temáticas, formando parte da composición e textura ou como soporte das propias obras. “Recreo paisaxes onde os sentidos cobran especial relevancia. Son paisaxes vividas, percibidas na súa máis profunda esencia, nos seus diferentes cores e texturas, ulidas nas diversas estacións con cheiro a fume de cheminea, a madeira quentando ladres ou mollada, a terra húmida de néboa e orballos, a herba recentemente cortada, árbores espidas ou cubertas de follas que refrescan o verán, troncos inmensos de ocos imposibles e abrigo de especies que nos transportan a imaxinarios contos, ou mesmo o son das polas e das follas balanceadas polas brisas que me recordan o son do mar, a ese mar do interior” –describe a autora–.

Tamén a pintora reivindica nestas series a lousa, vista nos tellados, pisada en sendeiros e escollida como soporte de obra plástica. “A lousa é metáfora de nós, os pizarristas, os mestres, as veces lousas rotas como símil de rupturas e cambios que debemos á ensinanza” –sinala–. En todas estas pinturas, a artista fala das terras galegas, dos seus pobos e aldeas, dos sendeiros e das viaxes que lle aportaron uns sentimentos concretos que recreou nestas pinturas, a maioría de terras de Ourense e concretamente da Ribeira Sacra.

E dando un paso máis no seu proceso creativo, Amelia Seoane-Chanes introduce na súa obra unha nova visión da paisaxe máis urbanita, segundo asegura ela debido á influencia de pertencer desde hai uns anos ao grupo de debuxantes urbanos da Coruña USKorña. Neste apartado debuxas paisaxes urbanos nos que plasma o momento, a imperfección da realidade e as distorsións da urbe.

En canto a súa concepción da arte, Amelia Seoane-Chanes explica que é a expresión dun sentimento, un modo de comunicar, de dialogar, un modo de ser. “Supón o código para ver dun modo diferente, nun aquí e agora, o atreverse a ser e dicir con outras linguaxes.

Na miña obra intento explorar todo isto e trato de mostrar o estado emocional da alma, a expresión inmediata do xa, esa que se sinte no momento de crear” –sinala–. Con esta argumentación, pódese dicir que a súa obra é froito do resultado dos diferentes estados de ánimo e circunstancias ao longo da súa vida, falando as veces a súa pintura de modo abstracto, expresionista ou buscando a figuración. A artista destaca que sempre intenta buscar e aportar algo novo na súa obra coa adicción de diferentes materiais, co uso da cor e a paisaxe que serán o seu fío condutor, ademais de novas texturas para lograr maior riqueza expresiva ou servir de soporte á obra.

Comentarios
Lo más