Abre ao público o parque canino de Noia, que conta cun circuíto de agility, fonte para cans e dispensador de bolsas para as deposicións

Abre ao público o parque canino de Noia, que conta cun circuíto de agility, fonte para cans e dispensador de bolsas para as deposicións
Abre ao público o parque canino de Noia, que conta cun circuíto de agility, fonte para cans e dispensador de bolsas para as deposicións

Está emprazado nunha parcela de máis de 300 m 2 en Labarta e o Concello de Noia investiu 20.000 euros

Ás 9:00 horas do pasado sábado abriu as súas portas ao público o parque canino de Noia, emprazado nunha parcela de máis de 300 m 2 en Labarta e no que o Concello de Noia investiu 20.000 euros. Unha instalación que conta cun circuíto de agility, unha modalidade deportiva para o adestramento de cans.

A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, supervisou na tarde do venres a correcta instalación dos distintos elementos dos que se compón o parque canino noiés: cinco elementos de agility, unha fonte canina e un dispensador de bolsas cunha papeleira para a recollida das deposicións dos animais. O recinto conta cun valado perimetral en madeira para evitar entradas e saídas non desexadas.

Normas de uso

Neri Arufe desexa que “os veciños e veciñas de Noia desfruten e fagan un uso responsable destas instalacións canda as súas mascotas, respectando en todo momento as normas de uso do parque canino”. Estas normas, situadas na porta de entrada da instalación, especifican que o recinto é de uso exclusivo para animais cos seus donos e que os cans deberán estar sempre controlados, identificados e vacinados. “Non é un lugar onde soltar o can para que corra só nin tampouco un recinto para os nenos pequenos nin para as bicicletas”, apunta a concelleira, quen lembrou que “coidar do mobiliario público é unha responsabilidade de todos”. Neste sentido, Neri Arufe lamentou que o banco instalado no monte San Lois hai apenas unha semana sufrira varios exemplos de incivismo, con pintadas e gravados de nome ou datas con navalla.

As novas do parque canino de Noia prohiben o seu uso por cans agresivos, mentres que os cans considerados de especies perigosas deberán levar en todo momento buceira. Tamén se prohibe a entrada de nenos pequenos na zona, así como de comida, cans enfermos e cadelas en celo. Así mesmo, os donos dos animais que empreguen estas instalacións deben comprometerse a retirar os excrementos, para o que contan cun dispensador de bolsas e unha papeleira no propio parque. Finalmente, está prohibido o maltrato de calquera animal.

“Con esta actuación damos resposta a unha gran demanda veciñal, que nos viña reclamando dun espazo no que facer deporte coas súas mascotas e con ese circuíto de agility conseguiremos que tanto a mente coma o corpo do can estean en plena forma”, apunta Neri Arufe.

Comentarios
Lo más