O Parlamento galego demanda ao Ministerio de Fomento o remate dos tramos Arzúa-Melide e Melide-Palas de Rei da A-54 no ano 2020

O Parlamento galego demanda ao Ministerio de Fomento o remate dos tramos Arzúa-Melide e Melide-Palas de Rei da A-54 no ano 2020
Foto de arquivo
O Parlamento galego demanda ao Ministerio de Fomento o remate dos tramos Arzúa-Melide e Melide-Palas de Rei da A-54 no ano 2020

“Coas obras iniciadas en todos os tramos, é necesario axilizar ao máximo os traballos para culminar unha infraestrutura prioritaria para mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria dos usuarios, veciños e a multitude de peregrinos que transitan pola N-547”, dixo a deputada Julia Rodríguez

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co único voto favorable do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Ministerio de Fomento axilidade na execución das obras pendentes da autovía A-54 entre Santiago e Lugo, co obxectivo de que o treito Lavacolla-Arzúa poida estar finalizado no primeiro semestre de 2019 e que os tramos Arzúa-Melide e Melide-Palas de Rei se rematen no ano 2020.

A deputada popular Julia Rodríguez lembrou que “estamos a falar dunha autovía cunha lonxitude de 85 quilómetros que mellorará notablemente as comunicacións por estrada entre Lugo e Santiago, así como nas comarcas de Arzúa, Melide e A Ulloa. Neste sentido, apuntou que “cobra especial importancia ante a ausencia doutras opcións óptimas de transporte, como pode ser o transporte ferroviario”.

“A pesar da relevancia desta infraestrutura para o desenvolvemento deste territorio, esta autovía leva en proxecto preto de 20 anos e, a pesar de que era unha das actuacións comprometidas no Plan Galicia do ano 2003, chegamos ao ano 2019 e os veciños seguen esperando a ver materializada e executada na súa totalidade esta importante vía de comunicación”, indicou.

ESPECIAL IMPORTANCIA DE CARA AO XACOBEO 2021

Actualmente, atópanse en servizo os tramos entre Santiago-Lavacolla e Palas de Rei-Lugo, mentres que o treito de 18 quilómetros entre Lavacolla e Arzúa atópase a piques de rematar e os treitos Palas de Rei-Melide e Melide-Arzúa están en execución. “Coas obras iniciadas en todos os tramos, é necesario axilizar ao máximo os traballos para culminar unha infraestrutura prioritaria para mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria dos usuarios, veciños e a multitude de peregrinos que diariamente transitan pola N-547 entre Lugo e Santiago”, demandou.

Julia Rodríguez subliñou que coa celebración do Xacobeo 2021 “cobra unha especial importancia o remate desta autovía”, porque “é aconsellable ter dispoñible un viario que favoreza a seguridade dos milleiros de peregrinos que fan o Camiño de Santiago ao descargar de tráfico rodado os contornos nos que conflúe coa estrada nacional”.

A deputada popular lembrou que “o propio ministro de Fomento manifestou na súa recente visita realizada a Lugo que se traballa en poñer en servizo a A-54 no 2021, atendendo a demanda realizada polo Presidente da Xunta no seu momento”. Porén, “a realidade fainos desconfiar porque as obras, a ausencia de información concreta sobre prazos e previsións para o remate dos treitos nos levan a pensar que poderíamos estar ante novos atrasos inxustificables neste momento e nesta fase de execución desta autovía”, manifestou.

Comentarios