Abre o prazo para solicitar praza nas escolas infantís municipais de Ames

Abre o prazo para solicitar praza nas escolas infantís municipais de Ames
Abre o prazo para solicitar praza nas escolas infantís municipais de Ames

A carpeta coa documentación que hai que cubrir para tramitar a solicitude de praza hai que recollela e entregala nas escolas infantís

municipais, en horario de 9:00 a 14:00 horas

A Concellaría de Educación e Cultura informa da apertura do prazo para a solicitude de praza nas escolas infantís de titularidade municipal (EIM O Bosque de Bertamiráns e EIM A Madalena do Milladoiro). Son susceptibles de matricularse os nenos e nenas que teñan entre tres meses e tres anos. As solicitudes poden presentarse ata o 15 de abril. A carpeta coa documentación que hai que cubrir para tramitar a solicitude de praza hai que recollela e entregala nas escolas infantís municipais, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Outra opción é descargala aquí na web municipal. Unha vez adxudicada a praza abrirase o prazo de formalización de matrícula entre os días 1 e 15 de xuño.

As escolas infantís municipais ofertan novas prazas para que as familias interesadas poidan deixar aos seus fillos e fillas nestes centros durante o seu horario de traballo. As dúas escolas infantís dispoñen de 209 prazas, pero este non é número total de prazas dispoñibles porque moitas xa están ocupadas polos nenos e nenas de 1 e 2 anos que pasan de curso. Estas escolas están capacitadas con todo tipo de instalacións para cubrir perfectamente todas as necesidades do alumnado: sala de berces, comedor, cociña, lavandería, un almacén e aseos, sen esquecer un parque infantil exterior para os xogos dos máis pequenos.

As clases distribúense por franxas de idades: de 0 a 1 anos, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. Nas escolas infantís municipais son susceptibles de ser admitidos todos os nenos e nenas que teñen entre tres meses e tres anos, sempre e cando cumpran os tres anos despois do 31 de decembro de 2019.

O horario de apertura das escolas infantís municipais de Bertamiráns e do Milladoiro é dende as 7:30 ata as 20:15 horas, sempre e cando haxa demanda ata a hora de peche.

Durante a época de verán (xullo e agosto) a hora establecida de peche é ás 18:00 horas, tamén sempre que haxa demanda. En calquera caso, a Concellaría de Educación sinala que non é recomendable que o neno/a pase máis de oito horas diarias no centro.

Tramitación da solicitude de praza

As familias que desexen solicitar praza nalgunha das escolas infantís municipais deberán entregar dúas fotocopias do DNI do proxenitor ou proxenitores e 2 fotocopias compulsadas do libro de familia completo. Todas as compulsas de documentos pódense realizar nos rexistros das oficinas municipais situadas en Bertamiráns ou no Milladoiro. No caso de familias monoparentais deberase entregar a sentenza de separación ou divorcio, o convenio regulador ou a resolución de medidas paterno-filiais segundo o caso. No de familias numerosas presentaranse 2 fotocopias, compulsadas, do libro de familia.

Deberase entregar ademais, segundo proceda, documentación que xustifique o estado de ocupación ou desemprego dos responsables legais do neno ou nena a matricular. Para a xustificación de ocupación actualizada entregarase: no caso de traballadores por conta allea dúas fotocopias da nómina do mes de marzo, no caso de traballadores autónomos dúas fotocopias do último recibo de pagamento da cota á seguridade social e, no caso de traballadores por conta propia, dúas fotocopias do último recibo de pagamento da cota da correspondente mutualidade.

No caso de presentar a xustificación de desemprego actualizada poderanse depositar a certificación de ser demandante de emprego, na que se especifiquen as altas e baixas e con efectos do día anterior o comezo da data de solicitude de praza, ou o certificado do INEM que acredite se se recibe algún tipo de prestación.

No caso de situacións distintas ás dúas anteriormente descritas entregarase, segundo proceda, a fotocopia compulsada da renda de integración social de Galicia (RISGA) ou a autorización asinada para a consulta de datos tributarios que figuran en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria. O persoal da escola na que se realice a petición de praza solicitará de oficio un certificado de empadroamento e convivencia. Ademais de toda a documentación mencionada deberase entregar unha autorización asinada das normas da escola.

Prazo de matrícula: do 1 ao 15 de xuño

A mediados do mes de maio publicaranse as listas provisionais de admitidos/as e haberá un prazo de dez días para presentar posibles reclamacións. Posteriormente, entre o 1 e o 15 de xuño abrirase o prazo de matrícula. Unha vez aceptada a solicitude, os nenos/as admitidos na escola presentarán seis fotografías tamaño carné, a fotocopia do calendario de vacinas, a fotocopia da tarxeta sanitaria e un informe médico.

Para máis información, os interesados ou interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque situada no número 28 da Avenida da Peregrina, en Bertamiráns; e a EIM A Madalena situada no número 16 da Praza da Madalena, no Milladoiro. Tamén se pode chamar aos números de teléfono 981 891 111 e 981 538 433, respectivamente.

Comentarios