O Centro Cívico do Romaño acolle hoxe a xornada comarcal do Club de Debate

O Centro Cívico do Romaño acolle hoxe a xornada comarcal do Club de Debate
O Centro Cívico do Romaño acolle hoxe a xornada comarcal do Club de Debate

O seu obxectivo é contribuír ao uso oral do galego por parte dos mozos e mozas

O Centro Cívico do Romaño acolle hoxe mércores a xornada comarcal do Club de Debate 2019, que organizan os equipos de dinamización lingüística de nove concellos galegos, entre eles o de Santiago. Na sesión de hoxe participará o alumnado dos IES de Cacheiras, Milladoiro, Ames e Antonio Fraguas de Compostela.

O Club de Debate é un proxecto para a dinamización lingüística da mocidade, organizado polos concellos de Santiago, Ames, Teo, Dodro, Ferrol, Negreira, Oleiros, Pontevedra e Rianxo. O seu obxectivo é contribuír ao uso oral do galego por parte dos mozos e mozas, e por iso está dirixido fundamentalmente aos centros de ensino secundario.

Na xornada de hoxe participarán un total de nove equipos dos IES de Cacheiras, Milladoiro, Ames, e Antonio Fraguas de Santiago, que terán que defender as posicións a favor e en contra do tema proposto: o uso dos dispositivos móbiles nos centros escolares. O xurado estará composto por Luis Pérez Barral, técnico de normalización lingüística no Concello de Outes; a xornalista Sandra Barrientos; a filóloga Elba Baldomir Turnes e os profesores Humberto Busto e Xaime Varela.

A entrega dos premios está prevista para as 19:45 horas, coa participación do alcalde de Santiago, Martiño Noriega. No acto tamén se darán a coñecer os equipos se clasifican para a fase galega. A final galega será o 11 de maio en Pontevedra. 

Comentarios