Bugallo comprométese arranxar as beirarrúas do Pombal
Nas beirarrúas da rúa do Pombal, Sánchez Bugallo apostou por cambiar o pavimento actual de chapa plana, “moi incómoda e de difícil mantemento”, dixo, por lousa de granito
O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, comprometeuse coa Asociación de Veciños do Pombal a renovar e cambiar as beirarrúas, a substituír as actuais luminarias por luces led, e a revisar a seguridade do muro da Alameda. Foi nunha reunión mantida esta tarde cunha representación do colectivo, á que tamén asistiron outros membros da súa candidatura, que se presenta baixo o lema Vamos Santiago!
Nas beirarrúas da rúa do Pombal, Sánchez Bugallo apostou por cambiar o pavimento actual de chapa plana, “moi incómoda e de difícil mantemento”, dixo, por lousa de granito. Tamén se revisarán, aclarou, as “dotacións de servizos a efectos de substituír os que non estean en condicións idóneas”.
Sánchez Bugallo tamén lle trasladou aos veciños do Pombal a promesa de cambiar todas as luminarias por luces “led” antes do 2021. Prometeu, ademais, revisar a seguridade do muro e parede da Alameda a efectos, explicou, “de adoptar as medidas pertinentes para evitar desprendementos”.
No encontro, os veciños amosaron a súa preocupación polo mal estado da rúa; polo o deterioro do muro da Alameda e pola maleza que o cobre.
Gonzalo Muíños e Javier Fernández, integrantes da lista de Sánchez Bugallo, tamén asistiron á reunión cos membros da asociación. A xuntanza rematou cunha visita pola zona do Pombal