​O Pazo da Peregrina acolle o hoxe 4 de abril a presentación de ‘Toponimia de Ames’

​O Pazo da Peregrina acolle o hoxe 4 de abril a presentación de ‘Toponimia de Ames’
​O Pazo da Peregrina acolle o hoxe 4 de abril a presentación de ‘Toponimia de Ames’

O autor presentará o volume hoxe ás 20:30 horas acompañado polo presidente da RAG, o coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, o alcalde e a concelleira de Normalización Lingüística de Ames e a presidenta da AGOn

A Colección Terra Nomeada da Real Academia Galega segue a medrar. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames) acollerá hoxe xoves, 4 de abril, ás 20:30 horas, a presentación de Toponimia de Ames, un traballo do filólogo Xosé Ramón López Boullón que profunda na orixe de 116 nomes de parroquias e lugares habitados. A obra complétase coas explicacións da orixe doutros 13 topónimos, entre eles o que lle dá nome ao val e a comarca de Ames, A Maía, os de ríos como o Sar e o Tambre ou os de montes como O Mar das Ovellas.

O autor estará acompañado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, Ramón Lorenzo; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) e académica correspondente, Ana Boullón; o alcalde de Ames, José Miñones; e a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero.

As tres entidades, RAG, AGOn e Concello, colaboran nesta edición, que foi posible tamén grazas á colaboración de informantes que acompañaron e axudaron a Xosé Ramón López Boullón a coñecer mellor o territorio de Ames. O filólogo, que formou parte no seu día do Proxecto Toponimia de Galicia, ten ademais vínculos afectivos con Ames. Aínda que naceu en Compostela, viviu neste concello dez anos.

O volume explica, entre outras moitas cuestións, que malia seren formalmente semellantes os topónimos Ames e A Maía proceden de étimos diferentes, nunha introdución que é un percorrido pola historia destas terras a través dos topónimos, algúns deles de orixe prerromana. Este podería ser o caso, segundo unha das hipóteses manexadas, da parroquia de Agrón, topónimo único en Galicia e que non ten relación con agro malia a aparencia, sinala o autor.

Comentarios
Lo más