Trescentos especialistas participan en Dereito no XVII Congreso da Asociación de Constitucionalistas de España

Trescentos especialistas participan en Dereito no XVII Congreso da Asociación de Constitucionalistas de España
Trescentos especialistas participan en Dereito no XVII Congreso da Asociación de Constitucionalistas de España

Este xoves 4 e o venres 5 co lema ‘Seguridade e liberade no sistema democrático’

A Asociación de Constitucionalistas de España (ACOES) celebrará o seu décimo sétimo Congreso na Facultade de Dereito da USC este xoves 4 e o venres 5 organizado pola propia asociación, a Universidade compostelá e o seu Centro de Estudos de Seguridade (CESEG).

Esta é a primeira vez que o encontro se celebra en Galicia. A sesión inaugural celebrarase este xoves a partir das 17.30 horas no Salón de Actos da Facultade coa presenza do reitor Antonio López e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Está previsto igualmente a presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; a valedora do Pobo, Milagros Otero Parga; o presidente de ACOES, Enric Fossas Espadaler; e a directora do Centro de Estudos Políticas e Constitucionais, Yolanda Gómez Sánchez.

O programa organizado analizará e debaterá os distintos aspectos e problemas que “nas democracias modernas suscita o decisivo e difícil equilibrio entre seguridade e liberdade”. Neste senso, entre outras cuestións os relatorios incluídos no programa aludirán a cuestións relativas ao desafío constitucional do terrorismo, a actividade de intelixencia ou á perspectiva constitucional dos avances tecnolóxicos en seguridade. 

Coa organización desta congreso, a Asociación de Constitucionalistas de España pretende servir de instrumento útil á sociedade coa “apertura dun debate tan crucial como necesario na actualidade”, por terse convertido “nun reto esencial que determina a nosa forma de convivencia”, destacan os organizadores.

‘Seguridade e liberade no sistema democrático’ é o lema do encontro de cuxa coordinación é responsable o profesor José Julio Fernández Rodríguez e no que está prevista a asistencia de trescentos docentes de Dereito Constitucional de España e do estranxeiro. Integran o comité organizador, Roberto L. Blanco Valdés, Ana Gude Fernández, Begoña López Portas, Carlos Ruíz Miguel e Vicente A. Sanjurjo Rivo.

PROGRAMA

Logo do acto inaugural está prevista unha sesión moderada por Roberto L. Blanco Valdés que leva por lema ‘Diálogo: Que liberdade e que seguridade queremos? E cal necesitamos?’. Intervirán Bartolomé Bauzá Abril, analista xeoestratéxico; Miguel Revenga, da Universidade de Cádiz; e Arianna Vedaschi, da Universidade Bocconi de Milán.

Comentarios