O Concello restaura o primeiro libro de actas plenarias correspondente ao período 1837 – 1848

O Concello restaura o primeiro libro de actas plenarias correspondente ao período 1837 – 1848
O Concello restaura o primeiro libro de actas plenarias correspondente ao período 1837 – 1848

Os traballos de restauración foron realizados polo restaurador Jorge Medín

O Concello, a través do departamento de Cultura e Patrimonio Histórico, vén de presentar a restauración do primeiro libro de actas plenarias da Corporación municipal de Ames, do que existe constancia documental, correspondente ao período 1837 – 1848. Os traballos de restauración foron realizados polo restaurador Jorge Medín. No acto de presentación participaron membros do goberno municipal e do grupo municipal Ames Novo, así como antigos concelleiros da Corporación municipal e mailo cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño.

Durante o século XVIII, segundo relata Francisco Xavier Río Barja no libro Cartografía Xurisdicional de Galicia no século XVIII, as terras que actualmente forman parte do concello de Ames pertencían á provincia de Santiago. Daquela as actuais terras do concello de Ames estaban repartidas en catro xurisdicións: a de Dubra (Piñeiro e Tapia), a da Mahía (Ames e Cobas), a de Altamira (Agrón, Bugallido, Lens, Ortoño e Trasmonte), e a do Xiro da Rocha (Ameixenda e Biduído).

En 1820, durante o Trienio Constitucional, houbo un primeiro intento de eliminar esas vellas divisións xurisdicionais e creáronse os primeiros concellos, mais entre eles non estaba Ames. En 1820 o concello de Ames non existía e o seu territorio estaba dividido entre os concellos de Altamira, no que estaban as parroquias de Bugallido, Ortoño, Lens, Agrón e Trasmonte, e o concello da Amaía co resto das parroquias do Ames actual. En 1821, Villestro e Biduído eran concellos. Todos eles: Altamira, Amaía, Villestro e Biduído deixarán de ser concellos co fin do Trienio Constitucional en 1823.

Deste xeito, o Concello de Ames foi creado en 1836, segundo aparece no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do día 27 de abril de 1836. Naquel momento xa dispoñía das mesmas parroquias e límites territoriais que ten na actualidade. Estaba formado polas parroquias de Ames, Ortoño, Bugallido, Viduído, Cobas, Tapia, Ameijenda, Piñeiro, Agrón, Lens e Trasmonte, e pertencía ao Partido de Negreira, xunto con A Baña, Aro, Santa Comba e Brión.

A Casa de Sesións estaba en Castiñeiro de Lobo

Nese tempo a Casa Capitular ou Casa de Sesións estaba no lugar de Castiñeiro de Lobo, como aparece no Libro de actas do Concello correspondente ao ano 1837. No ano 1838 hai unha solicitude de traslado da audiencia e Casa Capitular ou Casa de Sesións dende o lugar de Castiñeiro de Lobo ao Lombao pero non foi aprobada.

En 1842 cando a Deputación Provincial da Coruña elabora un proxecto de redución de concellos, houbo un intento de eliminar o de Ames, que se repartía entre dous novos concellos: o de Ponte Maceira no que se incluían as parroquias de Agrón, Lens, Piñeiro, Tapia e Trasmonte; e o concello de Ortoño, que integraba ás parroquias de Ames, Ortoño, Bugallido, Ameixenda, Covas e Biduído. Este proxecto nunca se levou a cabo. No ano 1868, con motivo da chamada Revolución Gloriosa, que remata coa monarquía de Isabel II, e durante dous meses, o concello de Ames deixo de existir e integrouse no de Santiago de Compostela.

A finais de 1925 os veciños e veciñas da parroquia de Viduído intentaron deixar o concello de Ames e anexionarse ao concello de Santiago de Compostela, o mesmo volveu acontecer en maio de 1940 e en agosto de 1941, cando o concello de Santiago acepta a petición dos veciños da parroquia pero o concello de Ames rexéitao en acordo que, a través do Goberno Civil, será elevado ao Ministerio da Gobernación para que resolva. Finalmente, a parroquia de Viduído continúa formando parte do concello de Ames. 

Restauración do primeiro libro de actas plenarias

Agora vén de restaurarse o primeiro libro de actas plenarias da Corporación municipal de Ames, do que existe constancia documental, correspondente ao período 1837 – 1848. Os traballos de restauración foron realizados polo restaurador Jorge Medín. No acto de presentación participaron membros do goberno municipal e do grupo municipal Ames Novo, así como antigos concelleiros da Corporación municipal e mailo cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño.

Este libro de actas ten un importante valor porque recolle textos que son testemuña do sucedido naquel tempo e amosa os problemas aos que se enfrontaban os veciños naqueles anos e como os solucionaban (relación de tabernas e prezo do viño que se vendía nelas, onde estaba o cárcere e quen se encargaba de atender aos presos, como se debía repartir o pago dos impostos, o intento dalgún veciño por ser recoñecido como fidalgo para así poder gozar das exencións debidas, elección e xuramento dos novos concelleiros, a prohibición de exercer de mestre a que non tivese titulación e a multa para quen incumprise dita normativa, etc).

Comentarios
Lo más