Manuel Anxo Fernández: " Teo non necesita anuncios de fusións nin ocorrencias electorais"

Manuel Anxo Fernández: " Teo non necesita anuncios de fusións nin ocorrencias electorais"
Manuel Anxo Fernández: " Teo non necesita anuncios de fusións nin ocorrencias electorais"

“Queremos para Teo un cambio que mellore a calidade de vida da veciñanza, con máis servizos, urbanismo para as persoas e impulso económico”, destaca o candidato

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa intervención no acto de presentación da candidatura ás eleccións municipais en Teo para pedir á veciñanza que o 26 de maio aposte por darlle un “un novo impulso” ao proxecto do BNG que lidera Manuel Anxo Fernández, un proxecto “coherente e ambicioso” para mellorar a vida dos e das veciñas deste concellos.

A dirixente do Bloque salientou o potencial do municipio que pode aproveitarse cun proxecto “que ten as ideas claras” e que encabeza o candidato á Alcaldía, “unha persoa preparada e con capacidade que coñece moi ben este concello” e que está acompañada por un equipo plural, de persoas honestas e traballadoras “que representan ese Teo ambicioso que queremos construír”.

Un concello “que aposte pola calidade de vida, por máis e mellores servizos públicos, e tamén por unha nova mobilidade, pola humanización dos espazos dando prioridade ás persoas sobre os coches, un concello cheo de rúas na que os nenos e as nenas poidan xogar seguras”, propuxo a líder nacionalista. O BNG “formula unha aposta clara para que Teo teña un novo impulso, ese é o noso compromiso e a iso vos convidamos a todos e a todas as veciñas”, concluíu.

Pola súa parte, o candidato nacionalista salientou que Teo precisa un alcalde “que escoite, que atenda as necesidades da veciñanza, que defenda un concello máis seguro e máis humano, que apoie o desenvolvemento económico da localidade, que poña en valor os recursos naturais e o patrimonio, que aposte polo benestar e a igualdade. En definitiva, que teña un proxecto para o municipio”. Fernández Baz proclamou que todo iso “está representado na candidatura do BNG”.

Desde logo, ironizou, “o que Teo non necesita son anuncios de fusións nin ocorrencias electorais, senón persoas comprometidas para traballar polo ben da maioría social”. “Defendemos a cooperación entre os concellos da contorna para demandar e xestionar servizos públicos de forma coordinada, pero sen cerimonias da confesión como fusións que nada resolven, e menos liquidar o noso concello para converternos na periferia de Santiago”, indicou.

Fernández Baz presentou como aval o “intenso” labor político desenvolvido polo BNG nos últimos catro anos, “con propostas e iniciativas, coa tenacidade que teñen requirido algúns asuntos, mais coa actitude dunha forza política que constitúe unha alternativa de goberno e buscando o mellor para a veciñanza”.

Colaboración coa veciñanza

En colaboración permanente con asociacións e coa veciñanza, “logramos facer realidade iniciativas en materia de saneamento, abastecemento de auga, cultura e patrimonio, seguridade viaria, humanización do espazo público, bonificacións aos vehículos menos contaminantes, concentración parcelaria, ou reivindicacións da comunidade educativa”.

E, desde logo, recalcou, “fomos contundentes, e o seguiremos sendo, fronte ás ameazas de converter Teo nun vertedoiro, ameazas que seguen aí mentres siga vixente a normativa do PSOE e do PP que o permite”, alertou. O candidato deixou claro que o BNG concorre a cita do 26M “coa vontade de transformar Teo sumando para un cambio de políticas que ofrezan calidade de vida”.

“Teo precisa un alcalde que vaia por diante, que tome a iniciativa, que mire aos ollos da xente, un alcalde a pé de obra. Teo precisa un alcalde do BNG, o digo desde a modestia, pero desde o orgullo de saber que temos un gran proxecto político para este concello”. Un Teo máis seguro e para as persoas, con impulso económico da man dun novo ordenamento urbanístico e un polígono industrial e de servizos ben comunicado, un concello no que se prime a participación social e se promova a cultura, no que a xente moza queira quedarse con políticas específicas para a mocidade.

Defendemos, dixo, un concello máis social reclamando un centro de día, a mellora da atención sanitaria, no transporte público e máis políticas de benestar e igualdade. Por todo isto, “facemos un chamamento aos veciños e veciñas para poñer en marcha este proxecto, iniciando o camiño para facer un Teo mellor”, concluíu.

Comentarios