Denuncian o abandono da unidade de Psiquiatría do Hospital de Conxo

Denuncian o abandono da unidade de Psiquiatría do Hospital de Conxo
Denuncian o abandono da unidade de Psiquiatría do Hospital de Conxo

Nos últimos días rexistrouse a caída de novos elementos pola falta de mantemento do complexo hospitalario

A Federación de Sanidade de CCOO leva anos denunciando a situación de «abandono» da unidade de hospitalización breve de Psiquiatría do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo, en Santiago de Compostela. Segundo o sindicato, en abril de 2019 continúan as mesmas eivas que se lle expuxeron por escrito á Xerencia da área sanitaria no ano 2017: carencia de recursos, mobilidade do persoal, non cobertura das ausencias, necesidade de cámaras de vixilancia ou deficiencias estruturais.

Precisamente, as estruturais son as máis preocupantes, xa que poñen en risco a seguridade de doentes e persoal hospitalario. Nos meses anteriores rexistráronse varias inundacións e caída de elementos do teito e nos últimos días produciuse outro suceso: a fractura e desprendemento dos cristais da ventá dunha habitación.

Segundo CCOO, isto poderíase evitar se se adoptasen as medidas de protección necesarias e se instalasen vidros máis seguros. É a segunda vez que ocorre un feito coma este na mesma unidade.

CÁMARAS DE VIXILANCIA

CCOO tamén pediu para este servizo a instalación de cámaras de vixilancia nas cinco habitacións individuais e nos espazos comúns para garantir a seguridade dos doentes, pois a día de hoxe só unha habitación conta con elas. A directora de Recursos Económicos asegurou en diversas ocasións que a súa colocación era «inminente». Xa en decembro de 2018 se aseguraba a instalación para o mes de xaneiro, como recollen as actas da comisión de centro, pero catro meses despois persiste a carencia.

Desde o sindicato aclaran que, malia que as cámaras «non substitúen nunca o acompañamento» do doente, axudan na súa vixilancia e protección. Como na unidade de Psiquiatria do Hospital de Conxo case nunca está completa a dotación de persoal requirida, a existencia de cámaras nas habitacións individuais «evitaría a adopción doutras medidas coercitivas».

Unha situación similar dáse na Unidade de Atención Especial (UAE) do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Alí, malia a recomendación do informe da Comisión Antitortura do Defensor do Pobo —emitido no primeiro semestre do 2018—, non se realizou a necesaria instalación de cámaras.

Comentarios
Lo más