Dous neurocirurxiáns de Santiago conquistan os hospitais de Oporto

Dous neurocirurxiáns de Santiago conquistan os hospitais de Oporto
Dous neurocirurxiáns de Santiago conquistan os hospitais de Oporto

Os doutores Gelabert e Arán, xunto á doutora Clara Chamadoiro e o doutor Pedro Monteiro , neurociurxiáns do hospital portugués, participaron en dúas intervencións

Dous neurocirurxiáns da xerencia sanitaria de Santiago- Miguel Gelarbert, xefe de Servizo, e Eduardo Arán- visitaron un dos hospitais máis prestixiosos de Portugal, o San Joao de Oporto para ensinar a implantación de electrodos de última xeración en enfermidade de párkinson que xa se empregan no Hospital Clínico dende hai un ano.

Os doutores Gelabert e Arán, xunto á doutora Clara Chamadoiro e o doutor Pedro Monteiro , neurociurxiáns do hospital portugués, participaron en dúas intervencións. Operaron a un home duns 65 anos e unha muller moza que precisaba retirar o tratamento para poder quedar embarazada.

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela realizou a primeira cirurxía do párkinson no 2000. Desde entón, a Unidade de Cirurxía do Párkinson e Trastornos do Movemento do CHUS operou uns 360 pacientes (a maioría por párkinson, pois é a máis prevalente), uns 30 no último ano. É unha unidade multidisciplinar na que participan neurólogos, neurocirurxiáns, psicólogos e neurofisiólogos.

A Unidade que atende pacientes con párkinson e trastornos do movemento no hospital Clínico, é centro estatal de referencia CSUR para a cirurxía destas patoloxías dende 2011.

O complexo sanitario compostelán é o único hospital de Galicia, e un dos 8 de España, que realiza a Cirurxía do Parkinson e de Trastornos do Movemento, é dicir, a implantación de electrodos no cerebro do enfermo para que estimulen os núcleos subtalámicos e reduzan os síntomas da enfermidade (tremores, rixidez e falla de movemento). Con esta intervención estes síntomas diminúen nun 70%, unha melloría que perdura no tempo.

Estímase que un 10% dos enfermos de párkinson son subsidiarios de ser intervidos, só aqueles que superan un proceso de avaliación que determina se o paciente é operable ou non. Son subsidiarios os doentes que, como mínimo, leven 5 anos de evolución da enfermidade; que teñan como complicacións as flutuacións motoras e discinesias (tics) non controlables cos fármacos; deben ter máis de 35 e menos de 75 anos. Para a avaliación dos pacientes tamén se necesita a realización dunha serie de test farmacolóxicos, test de escalas clínicas, estudos neuropsicolóxicos e estudos neurorradiolóxicos (resonancia, spet...)

Cada ano avalíanse no CHUS uns 250 pacientes de párkinson para a valoración cirúrxica. O perfil do paciente que se somete a esta intervención é un home ou unha muller de entre 55 e 60 anos aínda que, nos últimos tempos, aparecen con idades máis precoces (incluso algún caso xuvenil), e cada vez hai máis pacientes que superan os 70 anos. Calcúlase que hai entre 7.000 e 8.000 pacientes coa enfermidade de párkinson en Galicia e a medida que incrementa a esperanza de vida, aumenta a enfermidade.

Comentarios
Lo más